A estabilidade, camiño de ser a norma no mercado laboral

Hai que seguir combatendo a pobreza laboral, marcada polos contratos parciais de carácter involuntario, e continuar co incremento salarial pactado no V Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva

Fecha: 04 Sep 2023

parosetem23

A estabilidade, camiño de ser a norma no mercado laboral

Hai que seguir combatendo a pobreza laboral, marcada polos contratos parciais de carácter involuntario, e continuar co incremento salarial pactado no V Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva

Santiago, 4 de setembro de 2023. Os datos de paro correspondentes ao mes de agosto, publicados hoxe polo Servizo Público de Emprego (SEPE), mostran un aumento de 280 persoas desempregadas respecto ao mes anterior. Pola súa banda, a afiliación rexistra un retroceso de 217 persoas, unha tendencia habitual para os meses de agosto ao coincidir co período estival e o peche por vacacións de moitas empresas. 

En conxunto, o paro rexistrado situouse en 127.725 persoas, 14.187 menos que o mesmo mes do ano anterior; polo que, a pesar do seu aumento mensual, aínda supón o dato máis baixo para un mes de agosto desde 1996. Con respecto á afiliación, o número total de persoas afiliadas este mes alcanza as 1.077.911, 22.580 máis que o mesmo mes do pasado ano. Á súa vez, se se observa o dato desestacionalizado, máis adecuado para analizar a evolución estrutural, tense unha caída do paro de 23.373 persoas e un aumento da afiliación de 17.745 persoas en agosto, dando conta de que, unha vez eliminado o compoñente estacional, o mercado laboral continúa creando emprego a pesar das adversidades do contexto económico e político nacional e internacional (estes dous últimos datos son a nivel estatal porque son cálculos que fai o Ministerio propios e non por comunidades autónomas).

Para UGT-Galicia, tras vinte meses desde que entrase en vigor a última reforma laboral, xa é posible observar unha certa tendencia clara á estabilización do mercado de traballo: os picos de contratación que se producían nos meses de verán están a moderarse con motivo do impulso dado á contratación indefinida, co fixo descontinuo como contrato dominante para estas actividades estacionais ou intermitentes que máis sufrían a excesiva temporalidade e rotación laboral. Así, as empresas adiantan as contratacións e estabilizan os seus cadros de persoal antes do comezo da tempada, reducindo os vaivéns estacionais e achegando un extra de seguridade ás persoas traballadoras, que saben que a súa relación laboral coa empresa non terminará co fin do verán.

Por iso, aínda que o número total de contratos rexistrados é inferior aos asinados nos anos anteriores á reforma laboral, trátase dunha boa noticia, debido a que reflicte que se produciu unha substancial mellora da calidade do emprego xerado, gañando peso a contratación indefinida e reducíndose a temporalidade ata mínimos históricos. En cifras, pódese observar que, do total de 64.507 contratos rexistrados, 24,94% son indefinidos, mentres que anteriormente apenas alcanzaba o 10% dos contratos.

Uns datos que, sen dúbida, son moi bos, pois confirman que a estabilidade laboral comeza a ser a norma do mercado de traballo. A pesar diso, UGT lamenta que, debido sobre todo ao difícil contexto económico, estas mellores condicións laborais non se acaben de trasladar a unha maior calidade de vida do conxunto da clase traballadora, pois aínda hai miles de persoas que sofren os estragos da precariedade e a pobreza laboral: ao redor do 16,5% das persoas ocupadas están en risco de pobreza, sendo a elevada parcialidade unha das súas principais causas. O INE rexistra que o 14,2% das persoas ocupadas estano a tempo parcial. Ademais, dentro deste grupo de persoas a metade (un 50,1%) estano de maneira involuntaria, é dicir, por non poder atopar un traballo a tempo completo, segundo a última EPA.

Esta situación é moi preocupante, pois se materializa en persoas traballadoras que non poden satisfacer as súas necesidades vitais máis básicas. A crise inflacionista aínda continúa presente en produtos tan básicos como os alimentos, e o prezo dos alugueiros está a xerar unha verdadeira emerxencia habitacional nas grandes cidades e as zonas turísticas, onde é imposible alugar unha vivenda a prezos alcanzables. Como xa denunciou UGT, esta realidade é inaceptable, pois está a obrigar a persoas traballadoras a residir en campamentos durante a tempada por non poder acceder a unha vivenda digna. Algo que é mesmo contrario aos dereitos humanos e que debe acabar canto antes, aumentando os salarios conforme aos incrementos acordados no V Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC), ademais de levando a cabo medidas extraordinarias, especialmente en materia de vivenda, para aquelas áreas máis castigadas polo turismo intensivo.

Radiografía desemprego en Galicia

Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego subiu en 280 persoas con respecto ao mes anterior (0,22%) e no Estado esta cifra aumentou un 0,93%. No ano, pola contra, rexistrouse unha contracción do desemprego, baixando en 14.187 persoas, un 10% menos.

Así, o número total de desempregados sitúase en 127.725 persoas, a cifra máis baixa da serie histórica, dende 1996.

Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego medrou nun 3,69%, unha evolución máis acusada que no conxunto de idades, e baixou no ano nun 14,02%.

Por sexos, a evolución é diferente. No caso dos homes o desemprego cae no mes un 0,42% e, pola contra, increméntase no caso das mulleres nun 0,68%. No ano baixou en ambos casos, o 11,35% entre os homes e o 9,06% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase que en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 59,67% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 76.208 mulleres, fronte a 51.517 homes.

En canto aos sectores, dáse unha baixada do paro en todos, excepto nos servizos. Así, baixou un 2,17% no primario; un 0,66% na industria; o 0,64% na construción; e un 0,05% no colectivo sen emprego anterior. Pola contra, subiu no mes nun 0,57% nos servizos. No ano baixa en todos, un 15,61% no primario; o 13,93% na industria; o 11,85% na construción; o 10% no sector servizos; e no colectivo de sen emprego anterior a baixada fou dun 0,92%.

Territorialmente, sube o desemprego no mes en todas as provincias, excepto en Pontevedra. Nun 0,60% en Lugo; o 0,55% na Coruña; e o 0,15% en Ourense. Na provincia de Pontevedra o desemprego no mes baia nun 0,20%. No ano baixa en todas as provincias, en Lugo nun 11,22%; 10,54% en Pontevedra; 8,91% na Coruña; e o 10,89% en Ourense.

O dato de contratación indefinida é do 24,94%, aínda por abaixo do resto do Estado onde é do 38,5%. Realizáronse en agosto un total de 64.507 contratos en Galicia, menos que no ano anterior pero de moita máis calidade.

Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 70,17%, e do 49,46%, no primario. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 23,09%, e na industria, do 18,66%.

En canto á taxa de cobertura, esta sitúase no 68,06%, con 78.957 persoas beneficiarias. Deste total, 37.103 perciben subsidios e 4.474 a Renda Activa de Inserción, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas a pesar de percibir prestacións por ser estas con contías moi baixas.

A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.077.911 de media mensual, descendendo un 0,02% no mes e aumentando un 2,44% no ano.



 

Fuente: UGT-Galicia