Dous anos despois, a reforma laboral continúa mellorando o emprego

UGT sinala que calquera reforma que afecte ao subsidio por desemprego debe facerse desde o diálogo social e baixo a premisa de protexer máis e mellor ás persoas desempregadas

Fecha: 04 Dic 2023

paronov23

Dous anos despois, a reforma laboral continúa mellorando o emprego 

UGT sinala que calquera reforma que afecte ao subsidio por desemprego debe facerse desde o diálogo social e baixo a premisa de protexer máis e mellor ás persoas desempregadas 



 

Santiago, 4 de decembro de 2023. Os datos de paro rexistrado publicados polo SEPE, correspondentes ao mes de novembro, indican un descenso de 2.180 persoas desempregadas respecto ao mes anterior. Con iso, o número total de persoas desempregadas sitúase en 131.168. Comparando co mesmo mes do ano anterior, hai 11.590 persoas menos en desemprego.

Con respecto ás persoas afiliadas á Seguridade Social, neste mes redúcese o seu número en 4.287. A afiliación sitúase así nun total de 1.063.566 persoas. Isto supón que haxa 15.985 persoas afiliadas máis que as rexistradas no mesmo mes do ano anterior, dando como resultado un ritmo de crecemento anual do emprego do 1,52%.

A contratación indefinida foi no mes de novembro do 31,75%, fronte ao 13,45% que se rexistraba en novembro de 2021, unha proba de que a reforma laboral de 2021 continúa mantendo o seu potencial transformador case dous anos despois da súa entrada en vigor, dando conta de que o seu impacto sobre a temporalidade non era só produto das puntuais adaptacións das empresas á nova normativa laboral, senón que efectivamente está a conseguir asentar a taxa en valores máis baixos aos tradicionalmente rexistrados.

Hai que reforzar os servizos públicos de emprego

Por último, con respecto ás prestacións por desemprego, o número de beneficiarios de prestacións situouse en outubro en 80.565 persoas. Con este nivel de protección, a taxa de cobertura no mes de outubro foi do 66,45% (1,15 puntos menor que a rexistrada no resto do Estado). É preciso acelerar a revisión desta taxa, para que recolla adecuadamente os cambios producidos no mercado laboral tras a reforma, e en especial tras o aumento da contratación fixa descontinua. 

Coñecer a cobertura real do sistema de protección por desemprego é o primeiro paso antes de abordar calquera reforma de maior calado no mesmo, tal e como se está propoñendo para a súa dimensión asistencial. Neste aspecto, UGT esixe que calquera reforma neste ámbito prodúzase no marco do diálogo social.

Para UGT, calquera reforma que afecte ao subsidio por desemprego debe facerse baixo a premisa de protexer máis e mellor ás persoas desempregadas, facilitando o seu acceso para ampliar a súa cobertura e evitando unha absurda culpabilización das persoas que se atopan en situación de desemprego. Dada a exigua contía do subsidio, é evidente que ningunha persoa prefire cobralo a ter un emprego e percibir un salario digno. Os problemas de acceso ao mercado laboral hai que buscalos na ineficacia das actuais políticas activas de emprego, cuxa recente reforma non solucionou. Doutra banda, débense reforzar os cadros de persoal dos servizos públicos de emprego, incluído o número de orientadores profesionais, como única maneira de ofrecer á persoa desempregada un itinerario personalizado que contribúa eficazmente á súa inserción no mercado de traballo.

Radiografía desemprego en Galicia

Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego baixou en 2.180 persoas con respecto ao mes anterior (1,63%) e no Estado esta cifra tamén diminuíu, un 0,89%. No ano rexistrouse unha contracción do desemprego, baixando en 11.590 persoas, un 8,12% menos. Así, o número total de desempregados sitúase en 131.168 persoas.

Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego baixou tamén, nun 6,15%, unha baixada máis acusada que no conxunto de idades, e no ano a diminución foi dun 8,67%.

Por sexos, no caso dos homes o desemprego baixa no mes un 0,64%% e no caso das mulleres nun 2,33%. No ano baixou tamén o desemprego en ambos casos, o 8,01% entre os homes e o 8,20% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase que en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 58,3% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 76.471 mulleres, fronte a 54.697 homes.

En canto aos sectores, dáse unha baixada do paro en todos, salvo no primario e na construción, nos que sube. Así, sobe un 1,75% no primario e un 0,63% na construción; baixa 2,29% na industria; un 3,19% no colectivo sen emprego anterior; e un 1,71% no sector servizos. No ano baixa en todos. Así, baixa un 8,61% no primario; o 12,58% na industria; o 10,82% na construción; o 7,87% no sector servizos; e o 2,33% entre o colectivo de sen emprego anterior.

O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 31,75%, aínda que, un mes máis, por abaixo do resto do Estado onde é do 41,5%. Realizáronse en novembro un total de 57.224 contratos en Galicia, menos que no ano anterior pero de moita máis calidade.

Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 71,84%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 30,82%; na industria, do 21,75%; e no primario, do 57,41%.

En canto á taxa de cobertura, esta sitúase no 66,45%, con 80.565 persoas beneficiarias. Deste total, 39.157 perciben subsidios e 4.373 a Renda Activa de Inserción, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas a pesar de percibir prestacións por ser estas con contías moi baixas.

A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.063.566 de media mensual, descendendo un 0,40% no mes e aumentando un 1,52% no ano.

Fuente: UGT-Galicia