Dende o 28 de novembro ata o 31 de decembro as mulleres galegas traballan gratis

Fecha: 27 Nov 2022

Dende o 28 de novembro ata o 31 de decembro as mulleres galegas traballan gratis

Isto tradúcese en que as galegas cobran por hora un 9,3% menos que os homes. Lembrar que esta brecha é moi superior en termos de salario bruto, cando se teñen en conta tipos de contrato, xornada e complementos

Santiago, 27 de novembro de 2022.- Dende o 28 de novembro ata o 31 de decembro as mulleres galegas traballan gratis, xa que cobran un 9,3% menos por hora que os homes, o que supón 34 días ao ano de traballo gratuíto, cifras similares ao que sucede de media no resto do Estado.

E, ademais, hai que lembrar que esta diferenza, xa moi significativa, aínda queda por debaixo da que existe cando a comparativa se fai co salario bruto, é dicir, aquel que atende tamén a variables como xornada, modalidade de contrato ou complementos salariais. Aquí as mulleres galegas aínda saen peor paradas. Hai que ter en conta que en Galicia un total de 115.000 mulleres traballan a tempo parcial, fronte a 35.000 homes, e os complementos que reciben as mulleres, na maior parte dos casos, ou son inexistentes ou son moi inferior aos dos homes, só por mencionar dúas das variables.

Por comunidades autónomas, Galicia sitúase na metade da táboa. Nos extremos está a diferenza salarial por hora de Asturias, que é do 14%, e por abaixo a de Estremadura, que non supera o 1%.

Que sucede no resto de Europa?. Na UE dos 27 as mulleres cobran por hora un 13% menos que os homes de media. Isto equivale a un mes e medio de salario, 47 días de salario. Por este motivo, a Comisión Europea marca do 15 de novembro como un día simbólico para concienciar sobre o feito de que as traballadoras en Europa seguen gañando de media menos que os seus compañeiros. Dentro da UE tamén hai grandes diferenzas. Destacan nos extremos o 22,3% de Letonia e o 0,7% de Luxemburgo.

Para UGT, hai que seguir traballando para eliminar estas diferenzas. Neste senso, o Sindicato insta a aprobar, canto antes, a Directiva de Transparencia Salarial, unha norma comunitaria que contribuirá a reducir a brecha salarial entre mulleres e homes en todos os Estados membros.

Aínda que desde hai máis de 45 anos existe unha lexislación europea sobre a igualdade salarial entre mulleres e homes, a brecha salarial de xénero na Unión Europea segue sendo inaceptablemente elevada.

A necesidade de transparencia salarial

A UE ten o compromiso de adoptar unha Directiva sobre Transparencia Salarial que faculte ás traballadoras para que se reevalúe o valor do seu traballo, agora infravalorado, pero que vai pospoñendo o momento da súa adopción.

Desde o Comité de Mulleres da Confederación Europea de Sindicatos, da que UGT forma parte, vimos participando ao longo dos últimos anos con campañas continuas para presionar á Comisión Europea, ao Parlamento Europeo e ao Consello da Unión, para que aprobe esta Directiva, que debe establecer os instrumentos necesarios para coñecer as discriminacións salariais no ámbito laboral.

As empresas de polo menos 50 empregados, tamén incluídas

A Eurocámara, a través das comisións de Dereitos da Muller e Emprego, quere que as empresas da UE, con polo menos 50 empregados, sexan totalmente transparentes en canto aos seus salarios. Para ese efecto, pretende impoñer a estas empresas a obrigación de informar sobre as diferenzas salariais entre homes e mulleres e prohibir o secreto salarial nos contratos de traballo.

A proposta da Comisión dunha Directiva de Transparencia Salarial desenvólvese co fin de reforzar a aplicación do principio de igualdade de retribución por un mesmo traballo ou traballo de igual valor entre homes e mulleres mediante a transparencia salarial e os mecanismos de aplicación.

Desde a UGT consideramos que, sen dúbida, a implantación desta norma comunitaria en todos os estados membros contribuirá a reducir a brecha salarial entre mulleres e homes.

En relación a España, contamos cun acordo de SMI que hai que seguir mantendo e reivindicando o seu incremento e cun Real Decreto sobre igualdade retributiva que debería permitir ás traballadoras españolas coñecer os motivos da súa discriminación salarial e eliminalos, corrixilos e previlos nun futuro a través dos plans de igualdade e os convenios colectivos. Ou ben a través das demandas ante a Inspección de Traballo ou ante os xulgados, xa que os rexistros retributivos, obrigatorios en todas as empresas e as auditorías salariais, obrigatorias para as que teñan plans de igualdade, serán probas para poder demostrar a discriminación cara as mulleres.

 

INFORME

Fuente: UGT-Galicia