Cun incremento da sinistralidade laboral do 7,12% en Galicia no último ano e xa con 12 falecidos no 2024, urxen medidas reais e efectivas para poñer freo a esta secuela

Nos dous primeiros meses do ano en Galicia a sinistralidade, con respecto ao mesmo período do ano anterior, increméntase nun 22%

Fecha: 25 Abr 2024

clima

28 de abril, Día mundial da seguridade e saúde no traballo

Cun incremento da sinistralidade laboral do 7,12% en Galicia no último ano e xa con 12 falecidos no 2024, urxen medidas reais e efectivas para poñer freo a esta secuela

Nos dous primeiros meses do ano en Galicia a sinistralidade, con respecto ao mesmo período do ano anterior, increméntase nun 22%

Santiago, 25 de abril de 2024.- Un ano máis, UGT-Galicia lamenta que o 28 de abril, Día mundial da seguridade e saúde no traballo, teña que celebrarse denunciando a secuela da sinistralidade laboral que continúa presente no mercado laboral galego. E este ano (dous primeiros meses, datos do Ministerio) arrancou, neste senso, con cifras moi negativas, cun incremento da sinistralidade laboral do 21,89% en relación ao mesmo período de 2023. Custa moito dixerir como ano tras ano continúan producíndose mortes por causas facilmente evitables.

As cifras están aí e demostran que a sinistralidade laboral segue a ser a gran secuela do mercado de traballo. No ano 2023 rexistráronse en Galicia, segundo os datos publicados polo ISSGA, 30.423 accidentes laborais, o que supón un incremento, dun 7,12%, en relación ó ano anterior, cando se contabilizaban 28.402 accidentes. Hai que precisar que todas estas cifras inclúen os accidentes “in itinere” e só os accidentes con baixa.

Deste total, 29.957 foron accidentes de carácter leve, 410 graves e 56 mortais.

Por sector de actividade económica (aquí só se detallan os sinistros en xornada, non os in itinere), agricultura acumulou no 2023 un total de 1.179 sinistros; pesca, 706; industria, 7.047; construción, 4.261; e servizos, 14.081. Dos mortais, 22 corresponden ao sector servizos, 10 á construción, 8 á industria, 3 á pesca e 7 á agricultura.

Territorialmente, é a provincia da Coruña a que máis accidentes rexistrou, 13.170 e con 24 mortais. Pontevedra rexistrou 10.662, con 18 mortais; Lugo, 3.277, con 8 falecidos; e Ourense, 3.314, con 6 persoas mortas durante a súa xornada laboral.

Infartos e outras patoloxías non traumáticas son as causas que ocasionan máis accidentes mortais. Urxen medidas que reduzan os riscos psicosociais

Dentro dos accidentes laborais mortais, 21 producíronse por infartos e outras patoloxías non traumáticas, o que representa o 42% do total, sendo os máis numerosos, segundo os datos facilitados polo ISSGA. Despois están as mortes producidas por choques ou golpes contra obxectos en movemento, con 12 persoas falecidas, o 24% do total. Caídas e golpes con esmagamentos contra obxectos inmóbiles acumula 7 falecidos, igual cifra que os atrapamentos e amputacións. Dúas mortes producíronse por contacto con corrente eléctrica, lume ou substancias perigosas e unha por afogamento ou sepultamento.

Neste senso, UGT-Galicia demanda políticas que atendan á redución da incidencia dos riscos psicosociais entre a poboación traballadora, xa que tanto os infartos como os derrames cerebrais son patoloxías asociadas a este tipo de riscos laborais.

En canto ó índice de incidencia, accidentes por cada 100.000 traballadores, en Galicia este foi no 2023 de 2.640,63. Este índice, no caso dos sinistros mortais, situouse no 4,84.

Tampouco se poden esquecer os accidentes de traballo nos que non foi necesaria a baixa, un total de 13.651 no 2023.

UGT denuncia a infradeclaración das enfermidades profesionais, sobre todo, nos cancros de orixe laboral con tan só dúas comunicacións en todo o 2023

Mención aparte merecen as enfermidades profesionais, con tan só 1.339 casos rexistrados en Galicia no 2023, tanto con baixa como sen baixa, segundo datos facilitados polo ISSGA, o que evidencia a súa infradeclaración. Deste total, 46 corresponden a enfermidades causadas por axentes químicos; 984 por axentes físicos; 61 por axentes biolóxicos; 170 por inhalación de substancias ou axentes; 76 enfermidades da pel causadas por substancias e axentes non comprendidos nalgún dos apartados anteriores; e 2 por axentes canceríxenos. Para UGT, o procedemento de notificación e o rexistro son inoperantes, privando ás persoas traballadoras do recoñecemento da orixe laboral da súa enfermidade e do acceso ás prestacións ás que ten dereito. Ademais de ter un impacto directo na prevención porque o que non se rexistra non existe e, polo tanto, non se adoptan medidas preventivas. E, se nalgún tipo de patoloxías é especialmente escandalosa a súa infradeclaración, é no caso dos cancros de orixe laboral.

Galicia rexistra 4.581 sinistros xa nos dous primeiros meses de 2024, un incremento do 22% en relación aos dous primeiros meses do 2023

Nos dous primeiros meses de 2024, segundo os datos do Ministerio, Galicia rexistrou un total de 4.581 sinistros (incluídos os “in itinere”). Destes, 4.503 foron leves; 72 graves; e 6 resultaron mortais. Aínda que xa sabemos que a día de hoxe o número de falecidos ascende xa a 12 polos datos recompilados polas novas publicadas, xa que as estatísticas oficiais, o Ministerio, os últimos datos que publican son os de xaneiro e febreiro.

Por provincias, A Coruña rexistrou 2.034 sinistros; Pontevedra, 1.541; 492 Lugo; e 512 Ourense. A distribución dos mortais, nos dous primeiros meses do ano, foi de 3 na Coruña e 3 en Pontevedra.

Por todo isto, UGT-Galicia demanda, este 28 de abril, que a seguridade e saúde no traballo sexan un dereito real e efectivo.

Lembrar que a finais dos anos 80 do pasado século os sindicatos estadounidenses elixiron o 28 de abril como xornada en memoria das vítimas de accidentes de traballo ou de enfermidades de orixe laboral. Esta conmemoración estendeuse na seguinte década polo conxunto do movemento sindical internacional e terminou por dar lugar á declaración do Día internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo por parte da OIT en 2003.

Este ano, UGT elaborou o manifesto co gallo do 28 de abril baixo o lema “A crise climática, un importante risco para a seguridade e a saúde no traballo”. O Sindicato incide en como as transformacións que está a experimentar actualmente a humanidade impactan na forma de vivir, no mundo do traballo e na saúde da clase traballadora.

A transición demográfica, con sociedades cada vez máis envellecidas en occidente, debe terse en conta á hora de xestionar os riscos para a seguridade e saúde no traballo, sen perder de vista que son os máis novos os que rexistran as maiores incidencias en canto a accidentes ocorridos durante a xornada laboral.

A dixitalización do mundo do traballo tamén está a afectar á saúde das persoas traballadoras. A monitorización constante, a falta de desconexión, a intensificación do traballo, a redución da autonomía e determinación da persoa traballadora sometida á nova intelixencia artificial, acaban provocando serios problemas de saúde física e mental entre as traballadoras e os traballadores. A epidemia de saúde mental que aflorou nos últimos tempos non é allea a estes factores laborais. Neste día tan sinalado, desde UGT reitérase a necesidade de controlar que se garanta o dereito a contornas de traballo seguras e saudables.

Ademais, ponse o foco de atención, especialmente, na transición climática, cuxos efectos xa se están sentindo tanto na sociedade como na contorna laboral, sendo o noso país unha das áreas máis vulnerables, segundo os expertos. As altas temperaturas xa se cobraron a vida de traballadores e traballadoras. Isto obríganos como sociedade a converter a seguridade e a saúde no traballo nun dos piares das políticas públicas de adaptación ao cambio climático. Por tanto, UGT reivindica unha maior prevención da exposición a temperaturas extremas nas empresas, pero sen esquecer outros fenómenos asociados ao cambio climático: fenómenos meteorolóxicos extremos, avance de enfermidades de transmisión por vectores, aumento da exposición a radiación solar…

Todos estes retos para a prevención de riscos laborais deben formar parte do debate na Mesa de Diálogo Social sobre Saúde e Seguridade no Traballo aberta, xunto coa mellora da calidade da xestión da prevención nas empresas, o subrexistro de enfermidades profesionais, empezando polo cancro laboral e o reforzo do marco normativo para a prevención efectiva dos riscos psicosociais, entre outros. O que apunta, todo, á necesidade dun cambio da Lei de prevención que acompañe aos cambios do mercado de traballo.

Diálogo social en materia de prevención en Galicia

Á Xunta, UGT-Galicia esíxelle diálogo e medidas para erradicar esta secuela. Porque non pode esquecer a Administración galega oo incremento da sinistralidade no último ano e o continuo goteo de sinistros mortais que se están rexistrando nas últimas semanas e que aínda non recolleron as estatísticas. A prevención debe situarse no centro e hai que facer da saúde laboral un dereito fundamental.

Como cada ano, UGT renova o seu firme compromiso de seguir traballando para conseguir acabar coa secuela da sinistralidade laboral, que a seguridade e saúde no traballo sexa un dereito real e efectivo e sitúese no centro de todas as políticas públicas.



 

ACTOS CONVOCADOS POR UGT EN GALICIA

A Coruña: Concentración o día 26 ás 13.00 horas diante sede Confederación de Empresarios.
Ferrol: Concentración o día 26 ás 11.30 horas fronte á sede da Xunta.
Santiago: Concentración o día 26 fronte á sede de UGT ás 12.00 horas.
Pontevedra: Concentración o día 26 fronte á sede de UGT ás 12.00 horas.
Vilagarcía: Concentración o día 26 fronte á sede de UGT ás 12.00 horas.
Vigo: Concentración ás 12.30 fronte á sede da Inspección de Traballo.

 

NOTA COMPLETA CON ESTATÍSTICAS



 

Fuente: UGT-Galicia