A crise e as reformas laborais deixan como herdanza a precariedade en Galicia

Fecha: 11 Feb 2019

Nunha primeira análise os datos da EPA facilitados hoxe reflicten unha caída no cuarto trimestre de 2018 do paro en 4.100 persoas, o 2,65%. Se ben estes datos nun primeiro momento poderían parecer positivos, aínda que a ocupación continúa afastada dos valores superiores ao 50% de antes da crise, unha análise máis detallada das estatísticas apunta a altas taxas de temporalidade, precariedade e grandes dificultades para as familias galegas.

Para UGT-Galicia, a crise e as reformas laborais impostas deixaron esta herdanza, unha precarización do mercado laboral e dos dereitos dos traballadores, traendo consigo altas doses de desigualdade, ata situar a taxa de pobreza e risco de exclusión social en Galicia nos 22,6 puntos.

Para o Sindicato, urxe outra política centrada nas persoas. Unha política que implemente un plan de choque polo emprego que reduza o desemprego, protexa ás persoas vulnerables, que cree emprego de calidade e con dereitos e que aumente os salarios da poboación, co fin de lograr unha recuperación digna para o conxunto da sociedade.

Así, os datos feitos públicos hoxe reflicten unha caída da ocupación en Galicia do 0,76%, 8.400 empregados menos. Evolución contraria ao resto do Estado onde medra o 0,19%, en 36.600 persoas. Con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior, medra a ocupación en ambos contextos, nun 3,06% en Galicia. Deste xeito, as cifras de ocupación sitúanse en 1.088.100 persoas. A pesar desta evolución, aínda se está moi lonxe dos valores superiores ao 50% que se rexistraban antes da crise.

O paro cae no trimestre en 4.100 persoas, o 2,65% e no ano nun 18,22%, 33.200 persoas. Hai 148.900 persoas en situación de desemprego en Galicia cunha taxa de paro dos 12 puntos e no Estado dos 14,45. Esta diferenza non se explica por un mellor comportamento do mercado laboral galego, senón polo seu menor dinamismo por estar inmerso nun profundo cambio estrutural pola caída poboacional e da poboación activa. De feito, xa dun xeito estrutural, constátase a persistencia da diminución da poboación de 16 anos ou máis, no ano 2.000 menos e 900 activos menos.

O paro de longa duración segue a ser unha das grandes preocupacións. 71.600 persoas desempregadas levan máis dun ano na procura dun posto de traballo, destes, 50.700 máis de dous anos.

As familias o seguen a pasar mal. A pesar da tan publicitada recuperación. Aínda hai 54.200 vivendas con todos os seus activos no paro e 27.000 sen perceptores de ingresos.

Por sectores, no trimestre no único que hai valores positivos é no industrial, con 2.700 ocupados máis. Pola contra, a contracción nos servizos resulta elevada, con 8.300 ocupados menos, na construción, con 500 ocupados menos e no primario con 2.400 ocupados menos.

En relación a hai un ano, rexístrase un aumento nos servizos, nun 5,4%, na construción, nun 2%, pero danse caídas considerables na industria, do 2,2%, e no sector primario, do 7,4%.

A taxa de paro queda nos 12 puntos (11,3 no caso dos homes e 12,8 no caso das mulleres). Entre os menores de 25 anos a taxa de paro é de 29,6 puntos, é dicir, 30 mozos e mozas de cada cen persoas de poboación activa menor de 25 anos está no desemprego.

O número de asalariados cae no trimestre nun 0,7%. Hai 873.300 persoas asalariadas. A taxa de temporalidade xa é de 26 puntos (27,3% entre as mulleres) cunha tendencia a subir.

A precariedade e temporalidade do mercado laboral galego é tal que hai 226.800 asalariados cun contrato temporal, dos que 3.000 teñen contratos de tan só un día e 11.300 teñen contratos que non chegan nin ao mes.

Outra mostra máis da precariedade é a contratación a tempo parcial, cunha taxa de parcialidade involuntaria do 57,4%. É dicir, un total de 86.600 persoas ocupadas o están a tempo parcial porque non atopan un traballo a tempo completo.

NOTA: O VOCEIRO DESTE TEMA É JOSÉ CARLOS RODRÍGUEZ DEL RÍO, SECRETARIO DE POLÍTICA INSTITUCIONAL DE UGT-GALICIA. TELÉFONO: 658774009.

Fuente: UGT-Galicia