Vigo acolleu o XXVII Encontro sindical da muller

Neste foro, o secretario xeral de UGT-Galicia alertou sobre o machismo exhibicionista que está a causar estragos no eido da violencia contra a muller e, aínda que recoñeceu os logros nestes últimos anos, apuntou que aínda queda camiño por andar na igualdade real e efectiva e aí estará UGT

UGT-Vigo organizou este mércores o XXVII Encontro sindical da muller, nesta edición, baixo o lema “Unidas e fortes, avanzando pola igualdade”.

Este encontro foi presentado pola secretaria de Igualdade de UGT-Vigo, de seguido, os secretarios xerais de UGT-Vigo e UGT-Galicia dirixiron sendos saúdos ás persoas asistentes. Xa o acto de inauguración correu a cargo do alcalde da cidade olívica.

Desenvolvéronse dúas ponencias cos seus respectivos debates. A primeira correu a cargo da vicesecretaria xeral de UGT, que analizou os novos permisos en materia de conciliación, e da secretaria de Igualdade de UGT-Galicia, que falou sobre acoso laboral e protocolos.

A segunda foi desenvolvida por Mónica González, inspectora de Traballo e especialista en temas de igualdade laboral, que analizou polo miúdo a violencia de xénero no eido laboral e as actuacións da Inspección neste senso, e por Carmen García, técnica da Área de Muller de UGT, que entrou de chego na discriminación laboral por razón de xénero, sobre todo, en materia salarial.

A concelleira de Igualdade do consistorio olívico e a secretaria de Igualdade de UGT-Vigo foron as encargadas de clausurar o XXVII Encontro sindical da muller.

Na súa intervención, o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez saudou a celebración destes encontros que contribúen a traballar por unha sociedade máis igualitaria. Recoñeceu que nestes últimos 27 anos se leva avanzado moito pero aínda queda moito camiño por andar, as lacras que sofren as mulleres continúan e UGT comprométese a que a loita pola igualdade real a efectiva sexa unha teima no traballo diario do Sindicato, unha tarefa transversal a toda a acción sindical.

Neste senso, destacou a constitución da Área da Muller de UGT-Galicia, o pasado 26 de setembro, que está chamada a converterse nun referente nesta Comunidade na loita pola igualdade.

En todo este contexto, alertou pola volta a certos machismos exhibicionistas sen complexos que están a facer moito dano á loita contra a violencia de xénero e ao camiño andado. E insistiu en que a sociedade española non pode seguir convivindo co terror da violencia machista con 51 mulleres asasinadas xa no que vai de ano. Nesta liña, denunciou o negacionismo machista de certos gobernos recentemente constituídos que incluso eliminaron as consellerías de igualdade.

Considerou que o camiño é instaurar na sociedade unha cultura e unha educación feministas, desterrando os códigos nas relacións que nacen do machismo.

Aínda que a violencia de xénero é o extremo máis noxento do machismo, as mulleres tamén levan anos sufrindo outro tipo de violencia que fai que sexan o elo máis débil do mercado laboral. Avanzouse cas medidas lexislativas aprobadas polo último Executivo e nas que UGT traballou activamente, pero aínda queda por facer e UGT estará aí.

Fixo mención á recente recomendación da CSI, investir máis en coidados, o que permitiría xerar 280 millóns de empregos de aquí a 2030 e aumentaría a taxa de emprego das mulleres nun 78%, logrando que o 84% destes empregos fosen formais. Neste senso, denunciou que en Galicia vaise contracorrente, a Xunta ven de anunciar unha axuda universal e liñal de 5.000 euros anuais a todas as persoas en situación de dependencia que teñan recoñecida a prestación por coidado na contorna familiar, isto é seguir apostando por un exército de coidadoras informais sen dereitos e condenadas á economía de subsistencia. A Xunta debería apostar por profesionalizar e financiar axeitadamente o servizo de axuda no fogar.

Finalmente, animou a todos e todas a seguir traballando e poñer en valor o camiño andado.

Fuente: UGT-Galicia