17 de maio de 2021, Día das letras galegas

UGT-Galicia aproveita esta data para reclamar un esforzo coordinado por parte das administracións para paliar a difícil situación dos traballadores da cultura neste momento de crise que estamos a vivir motivada pola COVID-19

17 de maio de 2021, Día das letras galegas

Xela Arias será a protagonista nesta edición

Santiago, 16 de maio de 2021.- Un ano máis, o 17 de Maio celebramos o Día das letras galegas, dedicado nesta edición á escritora, tradutora, editora e docente Xela Arias (Ortoá, Sarria, 1962- Vigo, 2003). Nesta data, pero todos os días do ano, dende UGT-Galicia reafirmámonos no insubstituíble papel da lingua galega para todos e todas, para a nosa sociedade, como vehículo de comunicación na súa acepción máis directa pero tamén como parte do noso patrimonio e medio básico de expresión cultural.

Así, UGT-Galicia reivindica neste 17 de Maio como propio o compromiso activo de persoas como Xela Arias co idioma galego porque é parte do patrimonio inmaterial do pobo galego e é o noso deber coidalo, difundilo, protexelo e mantelo como unha lingua viva en todos os ámbitos e actividades da sociedade.

Para iso, o Sindicato considera que hai que comezar o traballo dende os máis pequenos, no eido educativo, porque son eles a clave do futuro da lingua galega. Neste senso, insta á Xunta a que se implique na promoción do galego e que sexa esta unha prioridade a nivel de toda a sociedade pero, especialmente, no ámbito educativo, equiparando o galego coa outra lingua oficial de Galicia.

UGT rexeita o uso de calquera lingua como arma arroxadiza e de loitas de poder. As linguas de cada un dos territorios, como as súas culturas, son tesouros, patrimonio que temos entre todos a obriga de coidar e manter vivas e dentro dun contexto de convivencia sa entre todas as expresións lingüísticas do país.

Por todo isto, UGT-Galicia insta a toda a cidadanía a exercer libremente os seus dereitos lingüísticos e a esixirlle ás administracións o cumprimento das obrigas que en materia lingüística consagran o Estatuto e a Constitución.

Nesta data, na que se trata de reivindicar a memoria, a cultura e a lingua do pobo, precisamente, lémbrase a figura da homenaxeada, marcada por un inconformismo creativo e solidario que, desde a lucidez dunha mente en rebeldía, despregou ó longo de 40 anos de vida a paixón da palabra na súa máis depurada independencia, en cada un dos seus actos poéticos, culturais e cívicos.

Para Xela Arias, o idioma era a arxila que moldeaba a súa vida. Como ela mesma dicía, as palabras dunha lingua que restaura a posibilidade de ser dun país e que ela trata dende esa conciencia: “O idioma é o principal signo dunha cultura”, así o afirmaba no 1988 e seguía:

Quere iso dicir que un pobo que se alonxa do seu idioma alónxase da súa cultura. Quere iso dicir que a un pobo ó que alonxan do seu idioma alónxano da súa cultura. Quere iso dicir que Galicia ten aínda hoxe os seus mitos, a súa tradición sen resolver porque ten aínda sen resolve-la aceptación do seu propio idioma”.

Pero, como xa sucedera o ano pasado, volvemos a celebrar esta data, o Día das letras galegas, nun contexto marcado pola pandemia e, por iso, UGT-Galicia aproveita este día para reclamar un esforzo coordinado por parte das administracións para paliar a difícil situación dos traballadores da cultura neste momento de crise que estamos a vivir motivada polo COVID-19.

UGT-Galicia resalta que a cultura é un sector estratéxico e así debe ser considerado polas administracións públicas. Neste senso, a cidadanía ten recorrido á cultura no seu máis amplo senso como un ben de primeira necesidade e ao longo deste último ano traballadores e traballadoras do mundo da cultura e empresas contribuíron con xenerosidade a poñer en marcha e difundir centenares de iniciativas que axudaron á poboación a sobrelevar os momentos máis difíciles da pandemia, sobre todo, nos momentos de confinamento e das limitacións máis estritas. Tamén hai que destacar o seu valor como elemento de cohesión social e de transmisión de valores democráticos.


 



 


 

Fuente: UGT-Galicia