Urxe reverter a herdanza da temporalidade e precariedade

Fecha: 26 Jul 2018

Os datos da EPA do segundo trimestre de 2018, publicados hoxe polo INE, reflicten 25.600 persoas empregadas máis que o primeiro trimestre (un 2,44% máis) ata acadar os 1.075.800 ocupados, así como, un descenso do desemprego (diminúe en 11.500 persoas, ata situarse o número total en 175.000 desempregados), o que deixa unha taxa de paro do 14%.

A pesar destes datos, as cifras tamén amosan que a fase de expansión económica que vive España e Galicia nútrese con emprego de baixa calidade. No mercado de traballo ascende a temporalidade segundo se xera emprego e segue enquistada a parcialidade involuntaria e outras formas de subemprego.

A herdanza do anterior Goberno, e da súa reforma laboral, está permitindo a extensión da precariedade e a desigualdade no mercado laboral: a taxa de paro entre as mulleres galegas é do 15,2%, fronte ao 12,8% dos homes; a taxa de temporalidade está de novo en valores máximos, nun 26,8%, fronte ao 22,4% que se rexistraba no segundo trimestre de 2013; e a parcialidade involuntaria xa é do 55,7%.

A brecha de xénero tamén chega ao desemprego e ao paro de longa duración

Ademais, estase a producir un avance da precariedade no desemprego, cunha extensión do paro de longa duración. Hai en Galicia 93.200 persoas desempregadas que levan máis dun ano buscando emprego, deste total, 44.200 son homes e 48.900 son mulleres. Deste total, 64.200 levan máis de dous anos na procura dun emprego. De novo, a brecha cronifícase, pois 30.000 son homes e 34.100 mulleres.

A precariedade no desemprego tamén se constata con 60.600 fogares nos que todos os seus activos están no paro e 33.900 nos que xa non hai perceptores de ingresos. Valores insostibles que contrastan cos que se rexistraban no terceiro trimestre do ano 2009, 44.800 e 19.700, respectivamente. Isto reflicte políticas de emprego que non están sendo efectivas á hora de mellorar as posibilidades de traballo das persoas desempregadas, en especial, das de longa duración, mozos e maiores de 55 anos.

As cifras constatan o menor dinamismo do mercado laboral galego, inmerso nunha forte caída demográfica, especialmente, da poboación activa

Seguindo coa análise das estatísticas feitas públicas hoxe, estas constatan que a evolución das cifras de ocupación e paro son as habituais non segundo trimestre do ano. Agora ben, de xeito estrutural constátase a persistencia da diminución da poboación de 16 ou máis anos, no ano 10.400 menos. Un problema demográfico, o que tamén está a provocar un menor dinamismo do mercado laboral galego, inmerso nunha forte caída poboacional e especialmente da poboación activa.

Por sectores, a ocupación medra nos servizos, o 3,9%, e na construción, o 4,6%. Pola contra, cae a ocupación no primario e na industria, en 5.500 e 400 persoas, respectivamente.

Os máis mozos, os menores de 25 anos, soportan en Galicia unha taxa de desemprego moi por enriba da media, do 33,3%, é dicir, 33 mozos de cada cen da poboación activa menor de 25 anos en Galicia está no desemprego.

A EPA arroxa datos que non fan máis que incidir na precariedade e temporalidade do mercado laboral galego. Dos 232.300 asalariados con contrato temporal, case 10.000 duran menos dun mes; pero é que 3.600 teñen unha duración dun día; 25.000 de un a tres meses; 37.600 de catro a seis meses; e 15.000 de sete a once meses.

UGT-Galicia advirte dos perigos que entraña este modelo de crecemento. É imprescindible un cambio nas políticas económicas e de emprego

UGT-Galicia advirte dos perigos que entraña este modelo de crecemento, baseado na precariedade e os baixos custes. Por elo, é imprescindible un cambio nas políticas económicas e de emprego. Os Orzamentos Xerais do Estado para 2019 deben reflectir, por unha parte, o estímulo aos factores que permiten a unha economía medrar de forma sostible, en industria, innovación e coñecemento, logrando aumentos da produtividade e competitividade.

E, por outra parte, para UGT-Galicia as políticas de emprego deben enfocarse á creación de emprego de calidade e con dereitos, á mellora dos salarios da poboación, a redución do desemprego de longa duración, a través da protección das persoas e o impulso das políticas activas dende o público.

Todo elo é necesario e fundamental para encarar unha etapa de crecemento sostible e conseguir reducir os altos niveis de desigualdade e pobreza que ten o noso país.

 

Fuente: UGT-Galicia