UGT-Galicia chama a secundar a folga este 8M e participar nas mobilizacións

A Comisión Executiva de UGT-Galicia chama á cidadanía galega a parar mañá, 8 de Marzo, Día internacional da Muller, nos seus centros de traballo e participar masivamente nas mobilizacións convocadas, tanto pola mañá como pola tarde, para rexeitar a desigualdade e discriminación que sofren as mulleres. Mañá, a cidadanía ten que esixir que as políticas de igualdade sexan prioritarias, o recoñecemento pleno e efectivo do dereito á igualdade de todas as mulleres e denunciar calquera vulneración dos seus dereitos.

Para que a cidadanía poida gritar alto e claro que “Nin máis, nin menos, igual”, UGT convocou folga xeral en todos os sectores e en todo o territorio do Estado de, polo menos, dúas horas por quenda. Naqueles sectores ou empresas que así o decidisen a folga poderá secundarse durante toda a xornada. Pola súa banda, o paro, de polo menos dúas horas, concentrarase entre as 12 e as 14 horas nas quendas de mañá; de 16 a 18 horas nas quendas de tarde; e as dúas primeiras horas da quenda que comeza o día 8 para as xornadas continuadas en quenda de noite.

Os obxectivos da folga son rexeitar a desigualdade e a discriminación que sofren as mulleres no mercado laboral, incluída a brecha salarial e maiores taxas de temporalidade e parcialidade; rexeitar a cronificación do desemprego feminino; rexeitar as discriminacións á hora de cobrar unha pensión ou acceder ao desemprego; rexeitar a segregación horizontal e vertical que seguen sufrindo as mulleres no mercado laboral; e rexeitar unha das grandes lacras que seguen a sofrer as mulleres deste país, a violencia machista e denunciar a insuficiencia de medidas en todos os ámbitos para a protección das vítimas.

Ademais de parar mañá, UGT chama á cidadanía a participar nas concentracións e manifestacións convocadas en todo o territorio ao longo da xornada.


 


 


 

Fuente: UGT-Galicia