UGT, CCOO e CIG anuncian mobilizacións contra a represión sindical en Alu Ibérica

Fecha: 18 Feb 2021

 UGT, CCOO e CIG anuncian mobilizacións contra a represión sindical en Alu Ibérica

O persoal retoma a folga este xoves e protagonizará unha concentración ás 17 horas

18-2-2021.- Os sindicatos CCOO, CIG e UGT anuncian mobilizacións en Alu Ibérica contra a represión sindical. Tamén se dirixirán ao Ministerio de Industria para que convoque decontado a mesa industrial. Así o decidiron tras a reunión que tivo lugar o mércores na Coruña entre o comité de empresa e os secretarios xerais das tres organizacións, Ramón Sarmiento, Paulo Carril e José Antonio Gómez, respectivamente.

Os dirixentes sindicais amosaron a súa máis enérxica repulsa polo despedimento do presidente do comité de empresa de Alu Ibérica, doutros dous membros deste órgano, así como dun delegado sindical.

En total, catro traballadores á rúa como medida de presión por parte da empresa para tentar meter medo ao persoal e evitar calquera voz discrepante para executar o seu plan de desmantelamento da antiga Alcoa-A Coruña.

Concentración o 26 de febreiro

A primeira acción do proceso de mobilización unitario será a vindeira semana, o venres 26, cunha concentración diante da Audiencia Provincial da Coruña. Alí terá lugar o xuízo pola vulneración de dereitos sindicais durante a última folga en Alu Ibérica, que tivo lugar entre decembro do ano pasado e xaneiro deste ano.

Diante da sede xudicial farase pública a convocatoria dunha gran mobilización para rexeitar as prácticas antisindicais de Alu Ibérica.

O persoal retoma a folga

Por último, as traballadoras e traballadores de Alu Ibérica decidiron en asemblea retomar a folga desde este xoves e protagonizarán unha concentración ás 17 horas diante da empresa.

Fuente: UGT-Galicia