A sociedade ten a oportunidade de responder este 8 de Marzo porque a desigualdade entre homes e mulleres é a maior desigualdade entre os seres humanos

Máis de 200 delegados e delegadas procedentes de toda Galicia participaron hoxe na asemblea convocada por UGT en Santiago, enmarcada o conxunto de actos e asembleas que o Sindicato está a facer en todo o Estado dentro da campaña “Máis feitos e menos palabras” na senda da recuperación de dereitos para a cidadanía. Tanto os secretarios xerais de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, como o de FeSMC, Miguel Ángel Cilleros, e a responsable de Igualdade, Xuventude e Movementos Sociais do Sindicato en Galicia, Mónica Rodríguez, orientaron as súas intervencións de cara á vindeira data reivindicativa que está no calendario, o 8 de Marzo, Día internacional da muller. Data na que UGT, como sucedeu o ano pasado, vai convocar unha folga de, polo menos, dúas horas por quenda, e chama á participación nas mobilizacións que se convoquen.


 

Na súa intervención, Mónica Rodríguez incidiu nas dificultades que teñen as mulleres para acceder ao mercado laboral, nas discriminacións que sofren cando permanecen neste que arrastran no futuro cando vense na obriga de acceder a unha prestación por desemprego ou cando lles chega a hora da xubilación.

O mercado laboral feminino está máis precarizado, as mulleres galegas sofren unha brecha salarial dun 23%, menores taxas de actividade, menores taxas de ocupación e maiores taxas de desemprego, precariedade e parcialidade, sobre todo, involuntaria. Agora que chega a recuperación ás mulleres se lles pon máis difícil subir a esta tren porque, evidentemente, os gobernos non fixeron ben as cousas.

O 8M debe ser un grito á dereita machista

Mónica Rodríguez acusou á dereita deste país de ser verdadeiros instigadores do machismo e de que perden demasiado tempo en intentar atentar contra os dereitos das mulleres. Por iso, o 8M debe ser un grito á dereita machista. Afirmou que “nós non lle imos consentir a Casado que lle bote a culpa dos problemas deste país ás mulleres”. Á dereita aínda non lle quedou claro que as mulleres non son máquinas de procreación e que son elas as que deciden sen queren ter fillos. As administracións o que deben facer é procurar que se dean as condicións axeitadas para tomar esta decisión. En canto ás afirmacións que se están a facer co obxecto de retrotraer a lexislación sobre o aborto, de ser así, “a dereita vai atoparse con UGT que non o vai consentir”.

A responsable de Igualdade de UGT-Galicia considera unha magoa que en pleno século XXI aínda haxa persoas neste país que consideran que ser muller e querer acceder ao mercado laboral con iguais dereitos non é posible. O Sindicato debe loitar contra este xeito de pensar todos os días.

A violencia machista é unha expresión máis desta desigualdade e UGT vai estar sempre aí para esixir que non se pode mirar cara outro lado.

O 8M “todos e todas debemos saír á rúa porque é necesario, é de xustiza social, e para reclamar vontade política para que a situación cambie”. E ás veces hai ben pouca. Mónica Rodríguez explicou como o Parlamento galego xa aprobou a proposta de que no 2010 se remate en Galicia coa brecha salarial pero estamos no 2019 e aínda non hai nin unha soa medida enriba da mesa. Este é un exemplo da falta de vontade.

O eido dos servizos públicos é outros dos focos nos que non se poden admitir máis recortes porque son básicos, uns servizos públicos de calidade, para que a muller se poida incorporar ao eido laboral en igualade de condicións.

De cara á negociación colectiva demandou aos delegados e delegadas que estean vixiantes e que levan a igualdade a cada unha das áreas nas que traballen.

Relatou unha serie de demandas que deben implementarse xa, a aplicación efectiva do IV AENC debe levar a un salario mínimo de convenio de 1.000 euros que, ao igual que o SMI de 900, beneficiará a todos os traballadores pero, sobre todo, ás mulleres; hai que aprobar a Lei de igualdade salarial xa; reforzar o traballo da Inspección nunha vixilancia firme para que a igualdade entre homes e mulleres nas relacións laborais sexa real; que todas as empresas teñan plans de igualdade, incluídas as de menos de 50 traballadores; e garantir as representatividade paritaria nos órganos de decisión, entre outras medidas.

Máis feitos e menos palabras

Pola súa banda, José Antonio Gómez reclamou “máis feitos e menos palabras” porque chegou o momento de que a recuperación chegue a todos, tamén aos traballadores e de que se reparta a riqueza.

Incidiu que os Presupostos Xerais do Estado foron unha oportunidade perdida, os primeiros dende o ano 2009 que garantían un cambio de ciclo, camiñaban na recuperación de dereitos e incrementaban o gasto social. En definitiva, apostaban por un reparto máis xusto da riqueza.

Pero non se aprobaron, perdeuse a oportunidade de crear un espazo de entendemento, a dereita máis reaccionaria uniuse ao independentismo tamén máis reaccionario.

UGT non vai entrar neste xogo da confrontación que algúns pretenden manter porque en nada beneficia aos traballadores e ás traballadoras “que son o noso Estado”.

Chegado este punto, o Goberno ten que ser valente, cumprir co prometido e decretar porque non lle deixaron outra saída. Ten que derrogar os aspectos máis lesivos da reforma laboral, devolverlle a primacía aos convenios sectoriais, a ultraactividade dos convenios e o control horario. Tamén ten que modificar a reforma das pensións de 2013 e sen rubor porque o PP xa a impuxo sen consenso de ningún tipo.

Outros aspectos sobre os que xa tería que ter lexislado é a Lei Mordaza, o subsidio para maiores de 52 anos ou a ILP sobre a renda básica.

UGT vai seguir incrementando a presión porque considera que aínda hai tempo. É o momento de que o Goberno faga e recollerá os froitos no futuro.

Emprazou aos delegados a que lembren os 130 anos de historia e continúa co seu compromiso para acabar coa falta de ética que impera porque os delegados e delegadas son o mellor que ten o Sindicato.

Xa, por último, Miguel Ángel Cilleros lamentou que no 2019 aínda “teñamos que seguir insistindo na igualdade das mulleres e convencendo a unha parte da sociedade que aposta por retrotraer os dereitos das mulleres, polo menos, a hai dúas xeracións”.

Criticou as palabras de Casado que considera ás mulleres como máquinas de reproducir, ou que lle de vergoña falar de maltratadores, dicindo que son persoas, non son maltratadores. Dirixiuse a Casado e aos seus seguidores e pediulles que deixen ás mulleres que decidan. E, neste senso, apelou a que a sociedade responda a todos estes ataques este 8 de Marzo mobilizándose.

UGT así o vai facer porque o Sindicato leva moitos anos identificando no eido laboral os problemas que afectan ás mulleres e buscando solucións no laboral e no político.

Insistiu en que a brecha salarial é máis que o salario, son os problemas de promoción aos que se enfrontan as mulleres, son os problemas de conciliación.....

Neste senso, a CEOE non pode irse gratis deste 8M, terá que xustificar por que non cumpre o que asina, como se atreve a mendigar os 900 euros de SMI cando están a ter beneficios continuos e están nunha senda de crecemento. Que llo expliquen aos traballadores.

Tamén afirmou que a desigualdade entre homes e mulleres é a maior desigualdade entre os seres humanos porque non se pode esquecer que as mulleres representan máis do 50% da sociedade. E se unha sociedade esquece os dereitos de máis da metade da súa poboación ten un serio problema e UGT non o vai consentir. A utopía ten que converterse xa en realidade, temos que traballar todos nesta senda.​

Fuente: UGT-Galicia