A situación laboral das mulleres non mellora ca recuperación económica e as brechas de xénero no emprego perpetúanse

UGT-Galicia presenta hoxe o Estudo sobre a situación sociolaboral da muller en Galicia, co galo do Día internacional da muller que se celebrará o venres, e un ano máis hai que lamentar as desigualdades que sofren as mulleres galegas no eido laboral e que o contexto de recuperación económica non se está traducindo nunha mellora da situación das mulleres no mercado de traballo. De feito, lonxe de reducirse, as brechas de xénero no emprego aumentan.

Ás mulleres cústalles máis acceder ao mercado laboral, cando conseguen o fan en peores condicións que os homes, promocionan menos a postos de responsabilidade, reciben salarios máis baixos e seguen asumindo case en solitario as responsabilidade familiares.

As cifras, as estatísticas avalan no seu máis amplo senso a desigualdade que sofren as mulleres galegas. Segundo o informe publicado por UGT-Galicia, a incorporación das mulleres ao mercado laboral, a pesar da recuperación, dista moito da dos homes. A taxa de actividade das mulleres, segundo os datos da EPA de 2018, sitúase 4,15 puntos por debaixo da media estatal e Galicia, tras Asturias, Cantabria, Estremadura e Castela e León, reflicte a menor taxa do Estado.

A maior parte das mulleres inactivas o son por dedicarse a labores do fogar

Sen ter en conta ás persoas retiradas, xubiladas e pensionistas, a maior parte das mulleres inactivas o son por dedicarse a labores do fogar. As mulleres son o 56,5 por cento das persoas inactivas, acadando no caso das persoas inactivas por labores do fogar un 85,8%. Hai 474.100 homes inactivos, fronte a 616.400 mulleres.

En canto á ocupación, esta é inferior ao dos homes en 47.600 persoas, a brecha das taxas de emprego é de 8,1 puntos. Hai 515.000 mulleres ocupadas, fronte a 562.600 homes, a pesar de que en termos poboacionais hai máis mulleres que homes.

A brecha do emprego supera os 8 puntos

Galicia continúa moi afastada dos obxectivos de Europa 2020 que establecen unha taxa do 75%, tanto para homes como para mulleres. Nesta Comunidade a taxa de emprego dos homes é do 50,4% e a das mulleres do 42,3%, cunha brecha de 8,1 puntos.

A taxa de paro é dous puntos superior no caso das mulleres

Onde si rexistran taxas superiores as mulleres é nas de desemprego, nos termos máis negativos do mercado laboral están á cabeza. A taxa de paro no 2018 foi entre as mulleres galegas do 14,4% e entre os homes do 12,4%, unha diferenza de dous puntos.

A forte segregación ocupacional por sexos tamén é unha das características do mercado de traballo en Galicia. O 56,1% da ocupación das mulleres dáse no sector servizos. Seguida esta porcentaxe da que se rexistra na agricultura, gandaría, caza e silvicultura, do 43,2%; na industria, moito menos, 27,3%; pesca e acuicultura, cun 22,9%; e con moita menos intensidade, na construción, o 6,7%.

Así, o sector servizos en Galicia agrupa case as tres cuartas partes da ocupación, o 72% do total. O número de mulleres ocupadas neste sector supera ao dos homes en 103.000.

No emprego público constátase o maior peso da ocupación feminina, fronte á masculina, 57,7%, e 42,3%, respectivamente. Pola contra, no sector privado segue predominando o emprego masculino, cun 54,3%, fronte ao 45,7% no caso das mulleres.

As mulleres tan só ocupan o 31,25% dos postos de dirección e xerencia

A segregación vertical tamén se pon de manifesto, xa que só o 31,25% dos postos de dirección e xerencia son ocupados por mulleres. Só o 2,33% das mulleres atópanse nesta ocupación. En canto ás empresas do IBEX 35, as mulleres tan só representan o 19,44% nos seus órganos de dirección.

A igual formación, os homes acadan maiores taxas de ocupación

Da análise realizada tamén se deriva que a igual formación os homes acadan maiores taxas de ocupación que as mulleres en todos os niveis formativos. Onde as taxas de ocupación practicamente son iguais é cando se fala de educación superior, con taxas do 73,9% e 73% para as mulleres.

Segundo a poboación ocupada por nivel de formación, si se observa un maior número de mulleres en termos absolutos no caso dos estudos superiores e analfabetismo.

Temporalidade e parcialidade teñen rostro de muller

A temporalidade tamén ten rostro de muller. Este indicador no 2018 acadou o 27,5% no caso das mulleres, sendo do 25,6% no caso dos homes. Neste senso, resulta rechamante que no caso dos contratos de duración indefinida pero descontinuos son as mulleres as que ocupan unha maior porcentaxe, 7.100 mulleres, fronte a 2.600 homes. Co que isto implica, menores ingresos anuais e consumir paro.

Pero é que a parcialidade tamén ten rostro de muller. Hai 112.700 mulleres, fronte a 33.000 homes, con contrato a tempo parcial. A porcentaxe de mulleres ocupadas con esta modalidade e do 77,4%, fronte ao 22,6% dos homes. E, ademais, das persoas que teñen un contrato a tempo parcial por ter que coidar de menores ou persoas adultas enfermas, incapacitadas ou maiores, ou por ter que atender outras responsabilidades familiares ou persoais, o 95% son mulleres.  

Pero é que, detrás da parcialidade, tamén se atopan as dificultades das mulleres para acceder a outro tipo de contrato, xa que das persoas que contestan que teñen esta modalidade de contratación por non atopar un traballo a tempo completo o 76,6% son mulleres.  

No ano 2018 houbo 86.400 mulleres no desemprego, fronte a 79.500 homes, con taxas de paro do 14,4% e do 12,4%, respectivamente.

O paro de longa duración sófreno máis as mulleres

Pero é que o paro de longa duración tamén afecta en maior medida ás mulleres, representando o 53%. E o maior número de desempregadas, 30.900 mulleres, levan máis de dous anos no desemprego. Confírmase así que de non conseguir saír do desemprego nos primeiros meses, cronifícase a situación.

As taxas de cobertura por desemprego tamén son menores entre as mulleres, do 49,6% no 2018, fronte ao 59,6% no caso dos homes.

Ademais, do total das persoas que non traballan nin están buscando emprego por ter que coidar de nenos e nenas, persoas adultas enfermas, discapacitadas ou maiores, ou por ter outras responsabilidades familiares ou persoais, o 89,5% son mulleres. Estes datos poñen en evidencia que a asunción das responsabilidades familiares segue a ser case en exclusiva das mulleres.

O desánimo tamén afecta máis ás mulleres, de todas as persoas que indican que non buscan emprego por crer que non o van atopar, 13.400 son mulleres e 8.600 homes. Froito isto das maiores dificultades para atopar emprego e manterse no mercado laboral.

As desigualdade do eido laboral trasládanse ao fogar. As prestacións por maternidade, as reducións de xornada e as excedencias por coidado as solicitan maioritariamente mulleres

A prestación por maternidade segue a desfrutarse de forma case exclusiva polas nais, no 97,8% dos casos. As redución de xornada por coidado seguen a ser solicitadas en moita maior medida tamén por mulleres, o 76,4% do total. E tamén se observa que no 2018 as mulleres solicitaron 1.191 excedencias por coidado familiar, fronte a 181 no caso dos homes. Outro dato máis que certifica que as desigualdade do eido laboral se trasladan tamén aos fogares é que das 144.539 persoas coidadoras de persoas con dependencia rexistradas en Galicia, 90.718 son mulleres.

Por todo isto, UGT-Galicia considera que é urxente e necesario:

  • Facer efectivo o diálogo social e impulsar a negociación colectiva, incrementar as políticas activas de emprego, esixir plans de igualdade en todas as empresas ampliando o seu ámbito de aplicación legal a empresas de menos de 250 traballadores/ as, así como a adopción de medidas de acción positiva dirixidas a eliminar a discriminación e a desigualdade no emprego e na protección social.

  • Aprobar unha lei de igualdade salarial que contribúa de forma eficaz a combater a brecha salarial eliminando a discriminación retributiva entre homes e mulleres

  • Reforzar e garantir os instrumentos e recursos de vixilancia, control e sanción da Autoridade Laboral para o cumprimento efectivo do principio de igualdade no ámbito laboral.

  • Adoptar medidas e políticas que garantan a efectiva corresponsabilidade entre mulleres e homes para a repartición equitativa das responsabilidades familiares, que fagan posible a compatibilización do traballo e os coidados sen efectos negativos para as mulleres, como a equiparación do permiso de paternidade ao de maternidade, entre outras.

  • Avanzar na eliminación das violencias machistas, garantindo o estrito cumprimento das medidas acordadas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero e garantir o seu impacto para mellorar a situación destas mulleres.

  • Poñer en marcha un modelo educativo igualitario e fortalecer os servizos públicos, especialmente en Educación, Sanidade e Servizos Sociais, así como garantir a existencia e viabilidade de infraestruturas públicas para a atención e coidados de calidade, accesibles e adecuados, de nenos e nenas, especialmente menores de 0 a 3 anos e de persoas maiores e/ou en situación de dependencia.

Por todas estas razóns, desde UGT convocamos unha folga xeral de polo menos dúas horas por quenda con cobertura de 24 horas para o próximo 8 de marzo de 2019, que ten por obxectivo esixir que as políticas de igualdade sexan prioritarias para o Goberno, o recoñecemento pleno e efectivo do dereito á igualdade de todas as mulleres e denunciar calquera vulneración dos seus dereitos.

NOTA: A VOCEIRA DESTA TEMA É A SECRETARIA DE IGUALDADE, XUVENTUDE E MOVEMENTOS SOCIAIS DE UGT-GALICIA, MÓNICA RODRÍGUEZ. TELÉFONO: 628470657.


 

Fuente: UGT-Galicia