A pesar da recuperación económica, as condicións de vida dos galegos non melloran

Fecha: 31 Ago 2018

O paro de longa duración, os recortes en materia de prestacións por desemprego, a temporalidade e a parcialidade involuntaria na contratación contribúen a esta situación​

 

UGT-Galicia ven de realizar unha análise das condicións de vida dos galegos e das galegas que arroxa datos realmente preocupantes. Ingresos inferiores á media estatal; unha taxa de risco de pobreza e exclusión social demasiado elevada para unha economía que se supón que está nunha etapa expansiva; as persoas que viven en fogares con baixa intensidade no traballo increméntanse progresivamente; e unha taxa de pobreza, excluídas as transferencias sociais, que xa se sitúa no 34,64% nesta Comunidade.

Unha situación que é froito dunha recuperación económica que non está a chegar aos traballadores nin aos fogares galegos como consecuencia dun mercado laboral incapaz de xerar o volume de traballo que necesita Galicia e cun emprego xerado de baixa calidade que non ten capacidade para atender as necesidades dos fogares galegos. As políticas impostas de recortes nos últimos anos están detrás disto e un claro exemplo no eido laboral foron as reformas laborais impostas estériles en materia de creación de emprego e que só trouxeron consigo importantes bolsas de precariedade para os traballadores galegos.

A renda media do fogares galegos é 1.025 euros ao ano menor que a do resto do Estado

Segundo a Enquisa de condicións de vida do INE do ano 2017 (dato de recente publicación, o 21 de xuño de 2018), os galegos e galegas teñen unha renda media por fogar de 26.533 euros anuais, por debaixo da media estatal que se sitúa nos 27.558 euros, é dicir, 1.025 euros menos.

Se a análise se fai por persoa, tamén resulta máis negativa para os galegos e as galegas, xa que a renda media nesta caso é de 10.753 euros ao ano, fronte aos 11.074 do resto do Estado, unha diferenza de 321 euros ao ano.

Resulta evidente que detrás disto existe unha política salarial, á que imperou nos últimos anos, de depreciación da que urxe saír para rachar esta círculo pernicioso no que se ven inmersos milleiros de traballadores, baixos salarios e precariedade, que leva a unha perda continua de poder adquisitivo. UGT-Galicia agarda que a posta en marcha do IV AENC contribúa á mellora salarial aínda que para iso a parte empresarial non debe poñer atrancos nas mesas de negociación. Neste mesmo senso, as pensións deben recuperar o seu poder de compra xa, así como, os salarios dependentes das administracións públicas que tamén foron diana de importantes recortes nos anos de crise que agora urxe reverter.

O risco de pobreza ou exclusión social é en Galicia do 22,6% (612.085 persoas)

Outro dato que evidencia que as condicións de vida dos galegos non melloran é o indicador agregado Arope de risco de pobreza ou exclusión social que no ano 2017 situouse en Galicia no 22,6%. Isto supón que en Galicia hai 612.085 persoas en risco de pobreza ou exclusión social. Pero é que 506.460 persoas, o 18,7% da poboación galega, están en risco de pobreza severa. E 65.000 persoas, o 2,4% da poboación, sofren carencias de material severas tamén.

As estatísticas, que son teimudas á recuperación, tamén amosan que o 12% da poboación galega vive en fogares con baixa intensidade no traballo. Aquí só se ten en conta á poboación entre os 0 e os 59 anos. Que é un fogar con baixa intensidade no traballo?, aquel no que os seus membros en idade de traballar o fixeron menos do 20% do total do seu potencial de traballo durante o ano de referencia.

Neste punto da análise, resulta destacable o progresivo aumento da poboación que vive en fogares con baixa intensidade no traballo, xa que en nove anos, do 2008 ao 2017, pasou do 7,6% ao 12%.

Precariedade, temporalidade e a parcialidade do mercado laboral, de seguro, están detrás destas cifras, xa que non permiten manter unha vida laboral estable, sostida no tempo e de calidade.

A taxa de risco de pobreza antes de transferencias sociais é en Galicia do 34,64%

Tamén é interesante analizar a taxa de risco de pobreza antes de transferencias. Para isto, calcúlase a porcentaxe de persoas que en Galicia teñen un ingreso equivalente ou inferior ao limiar de risco de pobreza, que se establece no 60% da mediana de ingresos equivalentes. Neste caso, excluímos as transferencias sociais (prestacións contributivas e non contributivas ou prestacións ou subsidios por desemprego). Neste caso, a porcentaxe de galegos e galegas que están nesta situación sube ata o 34,64% (dato ano 2016 do IGE da Enquisa estrutural dos fogares). Se non lle restamos as transferencias sociais, a porcentaxe baixa ao 16,06%.

Isto evidencia a forte dependencia que hai en Galicia das transferencias sociais para garantir a cohesión social consecuencia ou ben da falta de oportunidades nun mercado laboral cativo ou consecuencia de, unha vez se entra no mercado laboral, da súa febleza e precariedade.

UGT-Galicia lembra que no primeiro semestre do ano 2018 o 90,6% dos contratos rexistrados foron temporais e que o peso dos contratos a tempo parcial é cada vez maior, xa supoñen o 37% do mercado laboral.

No desemprego tamén impera a precariedade cun descenso continuado das persoas beneficiarias de prestación; unha baixada continua das contías medias; a diminución do gasto en materia de prestacións; o que conduce a unha taxa de cobertura tan só do 51,7% (xuño 2018) cando no 2011 esta era aínda do 68,8%.

Non se pode esquecer que o número de persoas que en Galicia levan máis dun ano na procura de emprego ascende a 93.200 persoas, o 53,3% do total dos desempregados.

Todo apunta a que a tímida recuperación do emprego se está baseando nun modelo produtivo xa coñecido, cun marcado carácter estacional que permite melloras en etapas vacacionais e que se sustenta en actividades de menos valor engadido.

Deste xeito, encamiñámonos cara un sistema baseado en baixos custes laborais, con escaso investimento en tecnoloxías e formación e no que prima o traballo precario, temporal e a tempo parcial.

A depreciación salarial está afundindo a calidade de vida de millóns de familias e incrementando os niveis de pobreza, polo que urxe que os salarios gañen poder de compra e isto precisa dun sistema de políticas de emprego eficiente, que potencien e reformulen as políticas activas de emprego e a contratación indefinida con dereitos e de calidade.

Para elo, o IV Acordo de Negociación colectiva é una ferramenta moi valiosa porque ten como obxectivos a creación de emprego, a mellora da empregabilidade dos traballadores e a competitividade das empresas, aposta por ganancias do poder de compra dos salarios para fortalecer a demanda interna, reducir as desigualdades e mellorar a distribución da renda, situando un salario mínimo de convenio de 1.000 euros en 14 pagas como un dos seus principais obxectivos.

Neste contexto tamén urxe unha mellora das prestacións por desemprego que a día de hoxe están baixo mínimos e un plan de emprego de choque para impulsar a contratación laboral e o emprego, especialmente, dos colectivos en peores condicións, parados de longa duración, mozos e traballadores sen formación. E, todo elo, no marco dun novo modelo produtivo máis eficiente e sostible, sen o cal non haberá unha saída real da crise.

Isto esixe profundas e continuas transformacións en ámbitos cruciais da actividade económica e laboral e aumentar as capacidades de actuación públicas, reformando a fiscalidade con actuacións de ingreso e gasto público que inflúan decisivamente sobre o modelo económico e de sociedade, e son unha ferramenta esencial para lograr unha redistribución xusta e equitativa da renda e do benestar.

 

   

Taxa de risco de pobreza ou exclusión social (indicador AROPE)

 

En risco de pobreza (renda ano anterior á entrevista)

 

Con carencia material severa

 

Vivindo en fogares con baixa intensidade no traballo (de 0 a 59 anos)

 

  2008 25,1 20,9 3,0 7,6
  2009 24,6 20,6 3,4 7,9
  2010 22,7 18,1 4,4 12,2
  2011 21,0 16,1 2,5 11,9
  2012 23,8 18,3 4,1 14,7
  2013 24,3 17,2 4,6 14,1
  2014 23,8 15,4 5,5 14,9
  2015 25,7 19,4 4,2 13,8
  2016 25,4 19,0 4,1 13,6
  2017 22,6 18,7 2,4 12,0

 Fonte: INE – Enquisa de condicións de vi

Fuente: UGT-Galicia