Neste Primeiro de Maio UGT e CCOO reclaman que outro modelo social e económico é posible

Fecha: 30 Abr 2020

Neste Primeiro de Maio UGT e CCOO reclaman que outro modelo social e económico é posible

Unha crise que parte en Galicia dun escenario económico e laboral xa debilitado, e cunha quinta parte da poboación en risco de pobreza ou exclusión social que sen prestacións públicas chegaría a un terzo. O Día do Traballo reivindicará a protección ás persoas e o recoñecemento aos servizos sociais

Santiago, 30 de abril de 2020.- O S.N. de CCOO de Galicia e UGT-Galicia informan que este Primeiro de Maio vaise celebrar baixo o lema “Traballo e servizos públicos. Outro modelo social e económico é necesario”. Un Primeiro de Maio marcado pola crise do coronavirus e que, polo tanto, non se vai poder celebrar coas fórmulas tradicionais de manifestacións nas rúas. Está previsto que durante a mañá teñan lugar “manifestacións virtuais” difundidas a través das páxinas web e das redes sociais de ambas organizacións. Ás 12 horas retransmitirase un acto homenaxe e a intervención de 14 compañeiros de 14 sectores esenciais, tamén está prevista a participación de personalidades do mundo da arte e da cultura. Xa ás 12.30 terá lugar a proxección das intervencións dos secretarios xerais e, de seguido, ás 13.00 horas as intervencións en redes dos secretarios xerais das federacións e das unións de comunidade autónoma. De seguido, nesta manifestación virtual exporanse mensaxes de afiliados e afiliadas e da cidadanía en xeral. Pola tarde, de 17 a 20 terá lugar a través de Youtube un concerto virtual organizado por UGT e CCOO. E a partir das 20.05 emitirase por redes e web un concerto internacional solidario en recoñecemento dos traballadores e das traballadoras.

Un Primeiro de Maio diferente para unha realidade diferente, para un contexto marcado por unha devastadora crise sanitaria que vai e irá acompañada dunha forte crise económica e laboral. Por iso, as demandas deste Primeiro de Maio xirarán ao redor dunha maior protección para as persoas e un recoñecemento aos traballadores e traballadoras dos servizos esenciais neste país.

Neste día tamén hai que poñer enriba da mesa a necesidade de crear unha rede de protección para todos aqueles que non reciben ningún tipo de percepción e están nunha situación de penuria extrema. Hai que poñer en marcha, dun xeito inmediato, unha renda mínima vital que lles permita subsistir. Hai que deixar de pensar con carácter ideolóxico e centrarnos na situación das persoas e as familias porque, sen elas, non haberá recuperación plena cando todo isto acabe.

Este Primeiro de Maio tamén poñerá en valor o papel das persoas traballadoras dos servizos públicos esenciais durante esta crise. Vai ser unha data para facerlle unha homenaxe e recoñecemento aos traballadores e traballadoras dos servizos esenciais: sanitarios, servizos de limpeza, forestais, persoal de loxística, traballadores e traballadoras dos supermercados, comunicacións, agricultores, traballadores da industria alimentaria, mulleres que traballan na asistencia domiciliaria ou nas residencias... que arriscan as súas vidas para que este confinamento sexa máis levadeiro e permita que a cidadanía goce dos servizos esenciais.

Nesta data UGT e CCOO reivindican un novo modelo económico e social cuxa prioridade sexan os dereitos e o benestar das persoas.

CCOO e UGT reivindican o traballo como principal factor de cohesión social, exemplarizado neste tempo polas traballadoras e traballadores dos sectores esenciais e dos servizos públicos, de xeito singular, por todo o persoal sanitario.

Condicións de traballo dignas e salarios suficientes

Urxen condicións de traballo dignas e salarios suficientes e ambos sindicato denuncian as reformas que se fixeron para devaluar e precarizar o emprego.

Neste Primeiro de Maio tampouco se pode esquecer o papel da muller traballadora nunha sociedade máis igualitaria e xusta. Moitos dos sectores laborais que hoxe están salvando vidas, facilitando a provisión de alimentos ou evitando que se estenda a pandemia, son sectores feminizados, nos que moitas destas traballadoras non chegan nin a mileuristas.

Unha Unión Europea máis social e politicamente máis unida e solidaria

Neste momento hai que reivindicar, se cabe máis que nunca, unha Unión Europea máis social e politicamente máis unida e máis solidaria.

UGT e CCOO reivindican algo que sempre consideraron un piar esencial do Estado de benestar, os servizos públicos, que sufriron os recortes durante a xestión neoliberal da crise de 2008 e co que algúns poderes autonómicos ensañáronse e que deben ser considerados un ben social agora e sempre.

Ambos sindicatos demandan, ante o drama social, humano e económico que está causando o coronavirus, que as políticas públicas (e tamén privadas) atendan sobre todo ás persoas e sectores máis vulnerables. Neste sentido, hai que poñer en marcha canto antes un Ingreso Mínimo Vital.

Pacto de Estado

CCOO e UGT reivindican un Pacto de Estado para combater o COVID-19 e reconstruír a estrutura económica e produtiva do país, garantindo que non se deixa a ninguén atrás. Sindicatos e organizacións empresariais están chamados a xogar un papel determinante neste proceso.

No curto prazo, débense poñer en marcha políticas sectoriais nos sectores que máis van sufrir a caída da actividade, así como a recuperación dunha base industrial para o país que garanta o aprovisionamento de bens básicos. Tamén o investimento en investigación, desenvolvemento e innovación, que no eido sanitario, pero non só nel, vólvense a demostrar imprescindibles para un país.

Estratexia económica e social para a desescalada. Cambio de modelo produtivo

Urxe unha estratexia económica e social de desescalada e saída da crise acompañada dun cambio de modelo produtivo, respectuoso co medio ambiente e asentado no emprego estable e con dereitos.

Fortes debilidades do escenario económico e laboral galego para afrontar a crise

Porque esta crise xa parte dun escenario económico e laboral caracterizado por fortes debilidades: estacionalidade, precariedade e baseado nun modelo produtivo cun sector terciario predominante de pouco valor engadido e cun sector industrial pouco desenvolvido.

En relación ás debilidades do modelo produtivo, este, antes desta crise, xa comezaba a amosar en Galicia unha contracción do crecemento do PIB. Dende o ano 2014, que o PIB comeza a amosar taxas de crecemento positivo, empezaba a ter unha contracción nas taxas de variación no último ano. Mentres no 2016 esta taxa era do 2,8 por cento, xa no 2019 baixou ao 1,8.

No eido do mercado laboral, Galicia non se caracteriza, precisamente, por ter experimentado unha mellora das variables nos últimos anos, senón por unha clara propensión á moi baixa actividade, con poucas expectativas, emigración da mocidade....

Polo que a crise que provoca a pandemia ten un punto de partida moi feble. A taxa de actividade no Estado é do 58,18% no primeiro trimestre do ano 2020, en Galicia tan só 53%. Unha taxa de paro debido á escasa actividade do 12,6%, mostrando a non superada segregación por sexos, 11,1 homes e 14,3% mulleres e tamén as grandes dificultades que atravesa a mocidade. Entre os menores de 30 anos o paro chega en Galicia ao 22,8%.

Pero o que realmente caracteriza ao modelo produtivo tanto do Estado como de Galicia é a precariedade, taxas de temporalidade da poboación ocupada asalariada do 25,1% (22,7% nos homes e 27,6% nas mulleres).

Récords de contratación rexistrada, 1.086.232 contratos, no ano 2019 pero porcentaxes de contratación rexistrada indefinida baixísimas (que agudizou a Reforma laboral) , tan só 8,33% tamén de media no ano 2019, sempre inferiores ao 10%, e con forte estacionalidade, cun mínimo de contratación indefinida nos meses de verán, 6,2 % en agosto.

Esta conxuntura conduce en Galicia a unha taxa de risco de pobreza do 15,5% e se se considera risco de pobreza e de exclusión social se chega a preto da quinta parte da poboación galega. Aquí o que se demostra é que non é nada novo que para manter a cohesión social hai que transferir recursos públicos á cidadanía, e que ademais o contexto de partida non é que sexa moi favorable, xa que estes datos son os últimos ofrecidos polas estatísticas públicas do ano 2018. Estatísticas que, de seguro, van agudizarse moito con esta crise. Por iso, ambos sindicatos urxen que se poña xa en marcha a renda mínima.

Porque hai que ter en conta que se non houbese prestacións (pensións, prestacións por desemprego e outras) a taxa de risco de pobreza chegaría á terceira parte da poboación en Galicia. Non se pode esquecer que hai un 13% dos fogares galegos que teñen moitas dificultades para chegar a fin de mes. Hai en Galicia 16.031 fogares cuxos ingresos mensuais non superan os 400 euros e 37.581 ingresan entre 400 e 600 euros; 142.716 perciben mensualmente entre 600 e 1.000 euros. E hai nesta Comunidade case 70.000 persoas desempregadas sen ningún tipo de cobertura. UGT e CCOO insisten en que esta crise vai traer como consecuencia cifras aínda máis dramáticas, por iso, a malla do público para a caída vai ser fundamental .


 

Fuente: UGT-Galicia