FeSMC-UGT insta á Xunta a que impida a apertura das superficies (alimentación) os domingos e festivos

Fecha: 21 Mar 2020

As tensións iniciais nas superficies de alimentación fóronse suavizando e os traballadores destes centros, que están a sufrir a diario unha enorme presión e carga de traballo, precisan descansar

FeSMC-UGT insta ao Goberno da Xunta a que impida a apertura das grandes superficies (alimentación) os domingos e festivos

Liberalizar os horarios foi unha das primeiras medidas que adoptou o Centro de coordinación operativa pero UGT considera que no momento actual esta medida debería ser revocada

Santiago, 21 de marzo de 2020.- FeSMC-UGT-Galicia insta ao Goberno da Xunta a que revoque unha das primeiras medidas que adoptou o Centro de coordinación operativa, a liberalización dos horarios das superficies de alimentación. Se ben é certo que esta medida adoptouse nun primeiro momento da situación de alerta polas tensións que levaron a moitos cidadáns ás compras masivas ante o medo ao desabastecemento, agora, no momento actual, estas tensións fóronse suavizando, polo que o Sindicato considera que sería contraproducente deixar que se abran estes establecementos os domingos e festivos.

Primeiro, porque xa a dinámica levou ás reducións de horarios, porque a presión e carga de traballo que soportan os traballadores destes centros é tal que precisan descanso e, ademais, os propios establecementos precisan de tempo para a súa desinfección.

Segundo, porque os traballadores dos establecementos de alimentación son a día de hoxe un dos grupos máis expostos a posibles contaxios, polas horas que permanecen de cara ao público e pola proximidade que teñen que establecer con este.

UGT APELA ÁS DIRECCIÓNS DESTAS EMPRESAS A QUE MAÑÁ NON ABRAN

Por todo isto, UGT considera que é necesario, pola súa propia saúde, que poidan descansar os domingos e festivos. Por iso, o Sindicato apela á responsabilidade das direccións destas empresas para que mañá non abran as súas portas e insta á Xunta a que modifique xa esta medida.

Por último, neste contexto, UGT traslada o seu recoñecemento á importante tarefa que están a desenvolver nestes difíciles momentos os traballadores e traballadoras do comercio de alimentación para que todos e todas poidamos ter no noso fogar a diario todos os artigos de alimentación e hixiene necesarios.


 

Fuente: UGT-Galicia