Diálogo social para máis e mellor emprego

UGT-Galicia valora o ofrecemento do Presidente Feijoo para relanzar o Diálogo Social feito esta mañán na súa intervención do debate sobre o Estado da Autonomía 2018, pero lembra que é preciso aproveitar o tempo para mellorar o mercado de traballo galego, as condicións laborais e o reparto da riqueza para o conxunto dos galegos e galegas.

O diálogo Social foi practicamente inexistente. Isto impediu avanzar nas propostas feitas por UGT ao comezo da lexislatura. Todas elas propostas vixentes para mudar as actuais políticas económicas co fin de acadar un novo modelo de crecemento máis equilibrado e sostible, xerador de emprego de calidade, á vez que hai que acometer medidas para reducir as desigualdades.

UGT-Galicia considera que hai un crecemento evidente da economía que non se está repartindo xustamente. Concretamente, a economía galega encadea taxas de crecemento interanuais iguais ou superiores ao 3% pero, con todo, as familias seguen sen percibir esta melloría.

É necesario un reparto máis equitativo da riqueza

Aínda que Galicia recupera o nivel de PIB de 2007, ten 140.000 empregos menos que neste ano. As remuneracións dos salarios perden peso no PIB; de feito, o 30,8% dos asalariados galegos declaran un salario medio igual ou inferior ao SMI. A reforma laboral, co poder outorgado ao empresariado e coa creba da negociación colectiva, tirou á baixa o emprego e os salarios.

O emprego non remonta como debería. O PIB medra arredor do 3% no último ano e o emprego o fai nun 1,8% e nun mercado laboral moi reducido, con tan só 1.050.000 persoas ocupadas, fronte aos 1.200.000 empregos que había antes da crise. Estes datos reflicten un mercado laboral con menos oportunidades e con profundas deficiencias, como a precarización do mesmo, cunha taxa de temporalidade do 27%.

Cunha taxa de paro do 15,7%; con case 90.000 persoas que levan máis dun ano no desemprego; son 61.000 os fogares nos que todos os membros están no paro e 34.000 sen perceptores de ingresos. Todo isto conduce a situacións realmente precarias por falta de cobertura ao desemprego, tan só 81.000 persoas perciben algún tipo de cobertura e cada vez esta é máis de carácter asistencial.

Con este escenario, está claro o deterioro da calidade de vida da cidadanía, cunha taxa de risco de pobreza ou exclusión social en Galicia xa do 22,6%.

Neste contexto, en Galicia urxe un plan de choque polo emprego; un plan industrial de carácter estratéxico; dinamizar as zonas rurais; e os servizos públicos teñen que recuperar o seu papel central no estado do benestar como garantes da cohesión social. Neste senso, en materia de condicións laborais dos empregados públicos, o Sindicato esixe da Xunta unha negociación real para trasladar aos funcionairos e o persoal laboral da Administración autonómica o Acordo estatal de recuperación de emprego, salarios e dereitos de marzo de 2018.

Neste senso, o Sindicato valora o feito de que os empregados da Xunta volvan a percibir cen por cento das súas retribucións cando se atopen en situación de incapacidade temporal (IT), medida que xa foi tomada na maioría das Comunidades autónomas.

Cláusulas sociais na contratación pública

UGT-Galicia valora tamén o anuncio do Presidente Feijoo de adoptar a inclusión de cláusulas sociais na contratación pública para garantir a calidade do traballo. Esta é unha proposta realizada por UGT-Galicia a través dunha campaña posta en marcha o pasado mes de setembro de 2017.

Nesa campaña, UGT-Galicia solicitamos a todas as administracións públicas, Xunta, Deputacións e Concellos, a adopción dun novo modelo de cláusulas socias na contratación pública, baixo criterios de homoxeneidade e consenso cos axentes sociais que sexa una guía para o conxunto de administracións da nosa comunidade autónoma. É necesario unificar criterios en todas as administracións e acabar así coa actual discrecionalidade existente que tanto prexudica á economía galega. A contratación pública no noso país ten un importante problema, a baixa presión competitiva derivada da baixa concorrencia.

É o momento de considerar que a contratación pública é unha política pública máis. A través da mesma, os nosos poderes públicos participan de forma directa e/ou indirecta no desenvolvemento socioeconómico e político da nosa comunidade autónoma. Por isto, as administracións públicas deben comprometerse a non permitir a explotación de traballadores e traballadoras con diñeiro público, dende UGT Galicia esixímoslle a introdución de cláusulas sociais nos contratos públicos.

A súa regulación é, polo tanto, un instrumento fundamental para impulsar un modelo de Administración Pública, un modelo de mercado produtivo e un modelo de sociedade, que asuma melloras de carácter social, medioambiental e laboral, con fundamento no interese público. Pero tamén é preciso solventar a falta de competencia e corrupción que existe en torno a ela, que a Comisión Nacional dos Mercados e Competencia cuantifica no 4,5% do PIB do Estado.​

Fuente: UGT-Galicia