Día da Patria Galega 2018

Fecha: 24 Jul 2018

Neste 25 de xullo, Día da Patria Galega, a Comisión Executiva de UGT-Galicia quere, en primeiro lugar, trasladarlle a toda a cidadanía galega parabéns pola celebración do seu Día.

Unha data que serve para a celebración pero na que tamén, de seguro, haberá un espazo para a lembranza das vítimas do sinistro de Angrois, o sentir polos falecidos que permanecen na memoria de todos aínda cinco anos despois do tráxico suceso, o sentir polas súas familias e tamén o sentir por todos aqueles que se salvaron pero que aínda padecen secuelas, tanto físicas como psíquicas. UGT-Galicia aproveita esta data tamén para pedir que en todos os eidos, ben sexa no xudicial ou no político, se aclaren xa as responsabilidades deste sinistro para o que hai que investigar ata as últimas consecuencias como sucederon os feitos e por que sucedeu o que sucedeu o fatídico 24 de xullo de 2013 na curva da Grandeira en Angrois.

Unha data que tamén debe servirlle aos galego para a reivindicación, para demandar un presente e un futuro mellor para Galicia e para os seus cidadáns. Porque, despois de dez trimestres consecutivos de crecemento, a percepción das familias traballadoras non é tan positiva e as propias estatísticas oficiais mostran que o crecemento da economía non se está repartindo por igual entre toda a poboación.

Se ben é certo que en Galicia a riqueza xerada recuperou os niveis previos á crise e os beneficios empresariais superaron tamén ese nivel pre crise, nin a cantidade de empregos, nin a súa calidade, nin a renda dos traballadores alcanzaron devandito nivel. Aínda que Galicia recupera o nivel de PIB de 2007, ten 140.000 empregos menos que neste ano. As remuneracións dos salarios perden peso no PIB, do 46,2% de 2008 ao 42,7% actual. De feito, 312.093 asalariados galegos declaran un salario medio inferior ou igual ao SMI. As reformas laborais, co poder outorgado ao empresariado e coa creba da negociación colectiva, tiraron á baixa o emprego e os salarios. Ao que hai que engadirlle o efecto da reforma das pensións que exclúe aínda máis ao número de persoas que se soben ao carro da recuperación en Galicia.

UGT-Galicia lembra que a deterioración da calidade do emprego mediante fórmulas de flexibilidade están a facer desaparecer de xeito acelerado o concepto de emprego estable e con dereitos. A taxa de precariedade xa está nos 26,7 puntos e, de feito, no ano 2017 tan só o 7,91% de todos os contratos rexistrados tiveron o carácter de indefinidos.

Neste contexto, as traballadoras e os traballadores pobres e o número de persoas que caen baixo do limiar da pobreza e a exclusión social esténdense, consolidando a fractura social e a sociedade dual, cunha taxa de risco de pobreza ou exclusión social en Galicia do 22,6%.

A recuperación está a ser unha quimera para os galegos. A perda de emprego, 140.000 postos de traballo menos que no 2007 e con tan só 1.050.100 ocupados, aínda está lonxe de recuperarse. O paro de longa duración xa afecta a 85.600 persoas e hai 68.900 fogares con contos os membros no paro e 34.300 nos que non hai ningunha persoa perceptora de ingresos.

Ante esta situación existe unha clara falta de apoio por parte das administracións cunha taxa de cobertura baixo mínimos.

Nesta data de celebración para todos os galegos, UGT-Galicia pide maior calidade de vida e, para iso, urxe que o Goberno galego lle de xa un cambio de rumbo ás súas políticas económicas para crear un modelo de crecemento equilibrado e sostible, xerador de emprego de calidade, á vez que é urxente a diminución das desigualdades.

Para iso, UGT-Galicia aposta por un plan de choque polo emprego; por un plan industrial de carácter estratéxico con instrumentos tanto sectoriais como territoriais; tamén urxe dinamizar as zonas rurais; e os servizos públicos teñen que recuperar o seu papel fundamental dentro do estado de benestar para o que habería que acometer un pacto pola educación a sanidade, a xustiza e os servizos sociais.

Para todo isto, é preciso que o Goberno galego, dentro da capacidade fiscal propia e transferida, introduza criterios de equidade e unha maior capacidade financeira cara o tecido produtivo e a cidadanía galega. É preciso un sistema tributario potente en termos de recadación no que proporcionalmente pague máis quen de máis recursos económicos dispoña.​

Fuente: UGT-Galicia