As administracións galegas non poden contratar os servizos de seguridade con empresas que non garanten as condicións laborais

Fecha: 13 Nov 2018

A Federación galega de Servizos, Mobilidade e Consumo (FeSMC-UGT) ofreceu hoxe en Santiago unha rolda de prensa na que analizou a situación da seguridade privada en Galicia dependente das administracións públicas e advertiu que, precisamente, os os traballadores da seguridade privada que dependen das administracións públicas os que sofren peores condicións laborais, nalgúns casos, non respectándose incluso nin unhas condicións mínimas.

Nesta rolda de prensa, tanto o secretario xeral de FeSMC-Galicia, Eladio Romero, como Diego Giráldez, do sector de Seguridade e Servizos Auxiliares de FeSMC estatal, Chus Álvarez, do sector de Limpeza e Seguridade de FeSMC-Galicia e Enrique Llames, responsable galego de contratación na seguridade advertiron que o Sindicato xa iniciou hai uns meses unha campaña relacionada coa contratación pública responsable por parte das administracións e que, neste senso, está vixiante e está a observar que seguen a rexistrarse moitas contratacións con “empresas low cost” que compiten a costa das condicións laborais dos seus traballadores.

UGT esixe ás administracións que garantan que a contratación pública é socialmente responsable, con todo o que isto conleva, tanto no eido laboral, como na calidade de prestación dos servizos ou no campo medioambiental.

Á denunciada competencia con baixos custes está contribuíndo, unha vez máis, a estéril e nefasta reforma laboral que urxe derrogar polo dano que está a facer ao mercado de traballo deste país.

Por outra banda, existe unha Lei de contratos do sector público que as administracións están na obriga de trasladar xa a todos os contratos. Dentro desta Lei xa se contempla a posibilidade de aplicar o convenio sectorial sobre o de empresa, o que frearía a implantación de moitas das condicións nefastas que algunhas empresas de seguridade privada que traballan para as administracións están aplicando aos seus traballadores e, de seguro, a proliferación das “low cost” do sector.

UGT insiste en que continuará coa campaña de sensibilización de contratación responsable no eido da administración pública. As administracións deben velar porque as empresas que traballan para elas respecten as condicións laborais e, se non é así, retirarlles a concesión.

UGT xa está enviando a todas as administracións propostas para incluír nos pliegos de condicións e xa se conseguiu paralizar algún proceso de contratación e ter que refacer os pliegos.

Finalmente, o Sindicato insiste en que non se pode consentir que o os traballadores da seguridade privada dependentes das administracións sexan os que peores condicións laborais teñen. Lembrar que estes son o 60% dos preto de 5.000 traballadores que o sector ten en Galicia.


 


 

Fuente: FeSMC