Omitir los comandos de cinta
Saltar al contenido principal
Inicio
AL DÍA >
NOTICIAS
O parlamento Galego aproba unha declaración institucional en defensa do sistema público de pensións promovida por UGT e CCOO de Galicia

O parlamento Galego aproba unha declaración institucional en defensa do sistema público de pensións promovida por UGT e CCOO de Galicia

A declaración considera garantir o poder adquisitivo dos pensionistas, tomando o IPC como referencia troncal, así como mellorar a sostibilidade do sistema a través das cotizacións e contando cos orzamentos xerais do Estado

UGT-Galicia | miércoles, 9 de octubre de 2019

A declaración contou co apoio unánime de todos os grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia

 CCOO de Galicia e UGT-Galicia dirixíron ao Parlamento galego unha proposta de declaración institucional en defensa do sistema público de pensións, dentro dunha campaña levada a cabo no ámbito confederal. Esta proposta elevouse despois dos contactos que tiveron UGT e CCOO de Galicia e nos que se achegaron aos grupos parlamentarios (PP, PSdeG-PSOE, BNG, Grupo Común da Esquerda e Grupo Mixto) unha proposta para a súa aprobación polo Parlamento de Galicia.

No día de hoxe produciuse a aprobación da Declaración Institucional en defensa do sistema público de pensións. Cómpre lembrar que as declaracións institucionais requiren da unanimidade de todos os grupos para saíren adiante. O Parlamento de Galicia é o primeiro parlamento autonómico que aproba unha declaración institucional neste senso.

CCOO e UGT de Galicia recoñecen o apoio do conxunto dos grupos parlamentarios a unha declaración que sostén que a  defensa do sistema público de pensións é o principal instrumento para o benestar, a protección e a cohesión social, que debe ser reforzado ante o desafío demográfico ao que se enfronta para poder garantir pensións suficientes que lles aseguren unha vida digna ás persoas que as cobran.

En primeiro lugar porque o sistema público de pensións da cobertura, fundamentalmente, ás persoas maiores, aínda que tamén protexe outras continxencias como a incapacidade, a viuvez e a orfandade. En todos os casos, protexe persoas que dificilmente teñen alternativas de ingresos diferentes á pensión; son, polo tanto persoas vulnerables que teñen no sistema público de pensións a garantía de ingresos para levar unha vida digna".

En segundo lugar, porque ningún outro sistema de protección dá cobertura a un número tan elevado de persoas, para o que dispón dun orzamento moi superior ao resto de instrumentos de protección social.

Algunhas cifras o demostran. En Galicia hai 339 459 mulleres e 338 767 homes pensionistas  nas  diferentes  modalidades  e  réximes.  Sumadas,  son  678 226 persoas en total, unha cifra que, comparada coa poboación total de Galicia, evidencia a súa extraordinaria relevancia: o 25 % dos 2,7 millóns de persoas que viven no noso país son pensionistas.

Na declaración aprobada considérase que o necesario equilibrio financeiro do sistema non pode buscarse reducindo a contía dunhas pensións que, en moitos casos, xa son baixas, especialmente no noso país. En setembro de 2019, a pensión media está en 848 euros ao mes, unha cifra baixa pero que aínda así agocha realidades moi preocupantes, como que a contía da pensión de viuvez sexa de 601 euros ou que a pensión media do réxime de autónomos sexa de 597 euros mensuais.

Son cantidades que non se poden reducir máis, polo que o mecanismo de revalorización anual debe garantir que as pensións non perdan poder adquisitivo, tomando o IPC como referencia troncal.

O Parlamento de Galicia comparte a idea de que para garantir a sostibilidade do sistema ante os desafíos demográficos é necesario mellorar o seu financiamento a través das cotizacións sociais, pero tamén contando cos orzamentos xerais do Estado.

É fundamental aumentar os ingresos por cotizacións, que son a fonte principal de financiamento do sistema, e para iso cómpre máis e mellor emprego, máis persoas cotizando en empregos estables e con mellores salarios porque así aumentan as bases de cotización e os ingresos da Seguridade Social.​

Noticias Relacionadas
VolverVolver
AFILIADOS y AFILIADAS ACCEDER
BUSCAR
REDES SOCIALES
Logo

Unión Xeral de Traballadores. Miguel Ferro Caaveiro12; 15707 SANTIAGO. Telf.: 981. 577. 171 Fax: 981. 599. 438   |   UGT é membro da CES e da CSI

[Aviso Legal] [Versión Móvil].