Omitir los comandos de cinta
Saltar al contenido principal
Inicio
AL DÍA >
NOTICIAS
O incremento do PIB en Galicia tradúcese nun aumento dos niveis de pobreza que xa se trasladou  tamén ao eido laboral

O incremento do PIB en Galicia tradúcese nun aumento dos niveis de pobreza que xa se trasladou tamén ao eido laboral

No último ano a taxa de risco de pobreza e exclusión social incrementouse en catro décimas, a pesar de cinco anos de crecemento económico consecutivo, e en nove anos a poboación que vive en fogares con baixa intensidade no traballo pasou do 7,6% ao 11,1%.

UGT-Galicia | jueves, 15 de agosto de 2019

Os datos macroeconómicos de Galicia arroxan un crecemento continuo durante os últimos cinco anos e un aumento, aínda que moi tímido, da renda por persoa e fogar (sempre por debaixo do resto do Estado), non obstante, isto contrasta cun incremento da poboación que está en situación de risco de pobreza e exclusión social, así como, o aumento da poboación que vive en fogares con baixa intensidade no traballo, o que é un sinónimo de que a pobreza trasladouse tamén ao eido laboral (contratos temporais, cada vez máis parcialidade involuntaria, paro de longa duración e descenso continuado do número de beneficiarios das prestacións por desemprego).

Neste contexto, para UGT-Galicia, resulta evidente que o Goberno galego ten que dar un xiro social que atenda as necesidades da cidadanía que, nunha alta porcentaxe, continúa inmersa en duras dificultades económicas.

A pesar de que Galicia suma xa cinco anos de crecemento económico consecutivos, nun 2,8% no ano 2018, os niveis de pobreza, que se desbocaron durante os anos da gran recesión e a imposición de políticas de axuste extremo, apenas se reducen e a calidade de vida da maioría das persoas non mellora como debera. Así se desprende dos datos da Enquisa de condicións de vida 2018 do INE. Os tímidos avances que se puideran dar resultan insuficientes para unha parte da poboación fortemente empobrecida durante a crise que non consegue os recursos suficientes para saír desta situación de risco de pobreza e exclusión social.

De feito, segundo os datos de 2018 (últimos dispoñibles), mentres a renda por persoa e fogar melloraron con respecto a 2017, aínda que timidamente en Galicia, a poboación en risco de pobreza e exclusión social aumentou en catro décimas, ao pasar do 22,6% ao 23%.

Resulta necesario reverter as reforzas e recortes, implementar unha estratexia integral de loita contra a pobreza e a exclusión social e poñer en marcha unha política económica que se dirixa cara a creación de emprego de calidade e o fortalecemento do estado de benestar

Nun contexto de crecemento, como xa se comentou en parágrafos precedentes, debería facer reflexionar á Administración galega que debería apostar por un xiro social que axude a esta parte da poboación que continúa inmersa en duras dificultades económicas. Polo que urxe reverter as reformas e recortes impostos dende o ano 2010; implementar unha estratexia integral de loita contra a pobreza e a exclusión social; e a posta en marcha dunha política económica que se dirixa cara a creación de emprego de calidade e o fortalecemento do estado de benestar.

Tanto a renda media por fogar como por persoa en Galicia están por debaixo da media do Estado

En canto á media da renda por fogar, segundo a Enquisa de condicións de vida do INE do ano 2018 (publicada en xuño de 2019), os galegos e galegas teñen unha renda media por fogar de 27.658 euros, no Estado é de 28.417 (759 euros menos). A renda media por persoa e de 11.239 euros ao ano, tamén inferior ao contexto estatal, onde é de 11.412, 173 euros.

Nesta mesma enquisa é onde se pode comprobar o indicador AROPE de risco de pobreza e exclusión social que se sitúa, como xa vimos, no 23% da poboación residente en Galicia (621.400 persoas), e medrando en catro décimas respecto ao indicador do ano anterior.

Máis de 500.000 persoas están en Galicia en risco de pobreza severa; máis de 43.000 con carencias severas de material; e máis de 200.000 persoas viven en fogares con baixa intensidade no traballo

Unha análise máis pormenorizada arroxa que a poboación en risco de pobreza severa é do 18,8% (507.928 persoas); e a poboación con carencia material severa do 1,6% (43.228 persoas en Galicia). Por outra banda, a poboación que vive en fogares con baixa intensidade no traballo (de 0 a 59 anos) é do 11,1% (205.744 persoas). En nove anos esta porcentaxe pasou do 7,6% (2008) ao 11,1%( 2018). A pobreza trasladouse xa aos traballadores.

A taxa de risco de pobreza é en Galicia do 33,63% antes de transferencias sociais, aplicadas estas baixa ao 15,87%. Isto indica a alta dependencia en Galicia das transferencias sociais

Se se analiza a taxa de risco de pobreza (só risco de pobreza e non exclusión social) antes de transferencias, é dicir, a porcentaxe de persoas cun ingreso equivalente ou inferior ao limiar de risco de pobreza, que se establece no 60% da mediana de ingresos equivalentes. Para este cálculo, exclúense as transferencias sociais (prestacións contributivas, non contributivas e prestacións e subsidios por desemprego). Así, esta taxa, antes de transferencias, quedaría en Galicia no 33,63%. Pero unha vez aplicadas estas, baixaría ata o 15,87%. Que indica isto?, a alta dependencia existente das transferencias sociais para garantir a cohesión social.

Temporalidade no mercado laboral, parcialidade e precariedade no desemprego non fan máis que agudizar as situacións denunciadas

A precariedade e as profundas eivas do mercado laboral galego non fan máis que incidir na situación xa denunciada. No primeiro semestre de 2019 un 91,2% dos contratos rexistrados foron temporais, tan só o 8,8% tiveron un carácter indefinido. A isto súmaselle o peso dos contratos e tempo parcial, que cada vez resulta maior, o 36%. O desemprego tamén está tinguido desta precariedade, cun descenso continuado dos beneficiarios e das contías medidas. Mentres a taxa de cobertura era no 2011 do 68,8%, foi en xuño deste ano, último dato dispoñible, do 57,61%. A todo isto ténselle que engadir outra das grandes lacras do mercado laboral, o desemprego de longa duración, con 56.000 persoas nesta situación, o 40% do total do desemprego.



A VOCEIRA DESTE TEMA É MARÍA ISABEL GONZÁLEZ, SECRETARIA DE POLÍTICAS SOCIAIS DE UGT-GALICIA. TELÉFONO: 629856620

















Táboas complementarias da información:





Galicia (euros por ano)

2008

2017

2018

Renda media por persoa

9.482

10.753

11.239

Renda media por fogar

25.859

26.533

27.658

Taxa de pobreza ou exclusión social

25,1

22,6

23,0






2018

Galicia

Taxa de risco de pobreza ou exclusión social (indicador AROPE)

23,0

En risco de pobreza (renda ano anterior á enquisa)

18,8

Con carencia material severa

1,6

Vivindo en fogares con baixa intensidade no traballo (de 0 a 59 anos)

11,1



Notas:

A poboación en risco de pobreza ou exclusión social é aquela nalgunha desta situacións:
-
En risco de pobreza (60% mediana dos ingresos por unidade de consumo).
-En carencia material severa (con carencia en alomenos 4 conceptos dunha lista de 9).
-En fogares sen emprego ou con baixa intensidade no emprego (fogares nos que os seus membros en idade de traballar o fixeron menos do 20% do total do seu potencial de traballo durante o ano de referencia).



Taxa de risco de pobreza ou exclusión social (indicador AROPE)


En risco de pobreza (renda ano anterior á entrevista)


Con carencia material severa


Vivindo en fogares con baixa intensidade no traballo (de 0 a 59 anos)


2008

25,1

20,9

3,0

7,6

2009

24,6

20,6

3,4

7,9

2010

22,7

18,1

4,4

12,2

2011

21,0

16,1

2,5

11,9

2012

23,8

18,3

4,1

14,7

2013

24,3

17,2

4,6

14,1

2014

23,8

15,4

5,5

14,9

2015

25,7

19,4

4,2

13,8

2016

25,4

19,0

4,1

13,6

2017

22,6

18,7

2,4

12,0

2018

23,0

18,8

1,6

11,1

Fonte: INE – Enquisa de condicións de vida – 2018.




Noticias Relacionadas
VolverVolver
AFILIADOS y AFILIADAS ACCEDER
BUSCAR
REDES SOCIALES
Logo

Unión Xeral de Traballadores. Miguel Ferro Caaveiro12; 15707 SANTIAGO. Telf.: 981. 577. 171 Fax: 981. 599. 438   |   UGT é membro da CES e da CSI

[Aviso Legal] [Versión Móvil].