Omitir los comandos de cinta
Saltar al contenido principal
Inicio
AL DÍA >
NOTICIAS
O TSXG estima o recurso interposto por Rogelia Mariña e UGT e recoñece vulneración do dereito fundamental de liberdade sindical por parte de Segismundo García e de Sargadelos

O TSXG estima o recurso interposto por Rogelia Mariña e UGT e recoñece vulneración do dereito fundamental de liberdade sindical por parte de Segismundo García e de Sargadelos

Na súa sentenza o TSXG ordena a Segismundo García o cese “inmediato do comportamento antisindical” e a indemnizar tanto á traballadora como a UGT-Galicia

UGT-Galicia | miércoles, 15 de mayo de 2019

A propia sentenza vincula  os despedimentos dos traballadores co mero feito da actividade sindical de Rogelia e de UGT. Isto , para o Sindicato, incidiría na nulidade xa reclamada destes despedimentos


A Sala do Social da Coruña do Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) ven de ditar unha sentenza na que estima o recurso de suplicación interposto por Rogelia Mariña e UGT fronte á sentenza do 30 de outubro de 2018 do Xulgado do Social número 2 de Lugo. E, en consecuencia, queda revocada a sentenza de instancia.

A sentenza do TSXG resulta clara no seu fallo. Primeiro, estima que existe unha vulneración do dereito fundamental de liberdade sindical de Rogelia e do Sindicato UGT por parte do administrador único de Sargadelos, Segismundo García, e por parte da propia empresa Sargadelos.

Por elo, ordénase aos condenados, Segismundo García e Sargadelos, ao cese inmediato do comportamento antisindical, con condena a que non se entorpezca nin se impida a actividade sindical das partes demandantes, Rogelia e UGT.

Tamén se condena a Segismundo García e Sargadelos á publicación deste fallo nun lugar visible da empresa durante 15 días.

Ademais, en materia de indemnizacións, tanto Segismundo García como Sargadelos terán que aboar solidariamente a cantidade de 12.500 euros a cada unha das partes como indemnización pola vulneración do dereito fundamental á liberdade sindical.

Para UGT, resultan moi importantes varias das apreciacións realizadas literalmente na sentenza. Cabe destacar o punto onde afirma que “procede apreciar a vulneración do dereito de liberdade sindical pola actuación de Segismundo e da empresa demandante en orden a dificultar e impedir o desenvolvemento da actividade sindical por parte da demandante e o Sindicato do que forma parte, anudando nas súas propias manifestacións, Segismundo, decisións empresariais como o despedimento de traballadores co mero feito do desempeño da actividade sindical por parte de Rogelia e de UGT”.

Neste senso, UGT insiste, polo tanto, na nulidade dos 20 despedimentos impostos polo administrador único de Sargadelos despois de todos os problemas abertos a raíz da súa conduta antisindical.

Ademais, o propio TSXG insiste en que non comparte a valoración da sentenza do Social de Lugo en virtude “da cal a conduta imputada a Segismundo e á empresa, e plasmada nos feitos e indicios, poida estar amparada polos dereitos recollidos no artigo 20.1 da Constitución e, en concreto, pola liberdade de expresión do mesmo. Pois a conduta da empresa a través do seu administrador foi máis aló do mero vertido de opinións ou ideas respecto da actividade sindical desenvolvida por Rogelia e UGT, chegando a anunciar decisións, o despedimento de traballadores, vinculadas co mero exercicio de liberdade sindical e de representación, en especial, na reunión coa plantilla o 17 de agosto de 2018”.

Xa é a segunda vez que o TSXG lle dá a razón a Rogelia e a UGT

Xa é a segunda vez que o TSXG lle dá a razón a Rogelia Mariña e a UGT. Xa o fixo en febreiro cando confirmou a nulidade do despedimento de Rogelia e obrigou a Segismundo García a responder solidariamente, xunto coa mercantil, co abono de 30.000 euros de indemnización.

Lembrar que todos estes feitos levaron ao Sindicato a desenvolver unha campaña en defensa da dignidade de Rogelia e contra a persecución sindical en Sargadelos, cuxa máxima expresión foi a multitudinaria manifestación en Cervo o pasado 23 de novembro na que participaron cadros e delegados do Sindicato procedentes de toda Galicia e doutras partes do Estado e a propia Comisión Executiva Confederal, co seu secretario xeral, Pepe Álvarez, á cabeza.

Noticias Relacionadas
VolverVolver
AFILIADOS y AFILIADAS ACCEDER
BUSCAR
REDES SOCIALES
Logo

Unión Xeral de Traballadores. Miguel Ferro Caaveiro12; 15707 SANTIAGO. Telf.: 981. 577. 171 Fax: 981. 599. 438   |   UGT é membro da CES e da CSI

[Aviso Legal] [Versión Móvil].