Omitir los comandos de cinta
Saltar al contenido principal
Inicio
AL DÍA >
NOTICIAS
Para UGT-Galicia, empregos dignos e salarios de calidade, piares fundamentais da loita contra a violencia machista

Para UGT-Galicia, empregos dignos e salarios de calidade, piares fundamentais da loita contra a violencia machista

En Galicia xa van tres mulleres asasinadas no que vai de ano, no 2017 presentáronse 6.436 denuncias e case 1.000 solicitudes de protección. Unha lacra que non cesa

UGT-Galicia | sábado, 24 de noviembre de 2018

Un ano máis, este 25 de novembro conmemórase o Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Nesta data UGT-Galicia ten que denunciar, tamén un ano máis, que os asasinatos, a forma de violencia máis extrema, de mulleres a mans das súas parellas ou exparellas continúan sen parar. Dende o 1 de xaneiro de 2003 ao 19 de novembro de 2018 un total de 972 mulleres foron asasinadas en España, 58 delas galegas.

No 2018 a situación segue a ser insoportable, a 19 de novembro 44 mulleres foron asasinadas (13 delas interpuxeran denuncia previa), tres delas galegas, quedando orfos 35 menores e tres menores asasinados por mor tamén da violencia machista.

Concretamente, en Galicia no 2017 presentáronse 6.436 denuncias por violencia de xénero, incrementándose esta cifra progresivamente dende o ano 2012 no que se rexistraron 4.788 denuncias.

Sen embargo, chama a atención a alta porcentaxe de casos pechados por sobresemento (un 56,3% de media no primeiro semestre de 2018, datos estatais); unidos estes ás sentenzas absolutorias e outros casos que non foron instruídos. Isto arroxa un número importante de denuncias que non rematan con sanción para o denunciado.

En canto ás solicitudes de ordes de protección, foron incoadas entre xaneiro e xuño de 2018 un total de 941, adoptadas 615, denegadas 317 e inadmitidas nove. Preocupa o número de denegacións, xa que como xa aconteceu nalgúns casos, a mulleres que foron asasinadas se lles tiñan denegado as ordes de protección. Os datos evidencian que o sistema e as políticas contra a violencia de xénero están a fracasar.

Aínda que non existe unha estatística oficial que recolla datos sobre a relación entre o desemprego e a violencia de xénero, é evidente que existe unha estreita conexión entre ambos indicadores.

A inserción laboral das vítimas debe estar garantida porque un emprego estable e un salario digno asegura autonomía

Neste senso, UGT avoga porque as administracións garantan a inserción laboral das mulleres que sofren violencia de xénero. Un emprego digno asegura a súa autonomía. Segundo recolle o borrador do último informe do observatorio estatal de violencia sobre a muller de 2016, das 44 vítimas mortais por violencia de xénero dese ano, só o 41% estaban a traballar. Ademais, o total de contratos bonificados por violencia de xénero en 2016 supuxeron tan só o 0.009% do total da contratación feminina rexistrada e, desa contratación bonificada, case o 76% foi temporal.

En Galicia dende o 2003 ata setembro de 2018 tan só se realizaron 375 contratos bonificados a mulleres vítimas de violencia de xénero, 54 o ano pasado, e 164 contratos de substitución dende 2005 a setembro de 2018, 29 no 2017.

Acoso sexual no traballo e o acoso por razón de sexo

O acoso sexual no traballo e o acoso por razón de sexo constitúen outra manifestación máis da violencia de xénero. Segundo os datos da Inspección de Traballo e Seguridade Social, entre 2008 e 2015, 2.484 mulleres víronse afectadas por infraccións en materia de acoso sexual no traballo, o que supón case unha diaria. E, ademais, como establece a recente resolución do Parlamento Europeo do 11 de setembro de 2018, un gran número de casos de acoso sexual no traballo non chegan a denunciarse como consecuencia da escasa sensibilización social ao respecto, o medo ao despedimento, a dificultade para conseguir probas, unhas insuficientes canles de denuncia...

Ante esta realidade, para UGT, é imprescindible adoptar medidas e políticas máis contundentes e eficaces contra as distintas formas de violencia machista. Non será posible acabar con esta lacra social mentres non poñamos fin á desigualdade e a discriminación á que se ven sometidas as mulleres en todos os ámbitos da vida.

Un destes ámbitos é o laboral, para o que son necesarios empregos e salarios dignos e de calidade. As estatísticas demostran que, con mellores empregos e condicións de traballo, as mulleres están máis protexidas e teñen máis recursos para calquera manifestación de violencia de xénero.

Por iso, o sindicato reclama a necesidade de derrogar as reformas laborais de 2010 e 2012, moi lesivas para colectivos tan vulnerables como as mulleres. UGT propón implantar protocolos de prevención e eliminación do acoso sexual nas empresas por lei, así como a formación obrigatoria para todas as persoas empregadas e cargos directivos nas empresas, ademais dos operadores implicados no control e sanción deste tipo de violencia no ámbito laboral.

O sindicato considera necesario un enfoque integral da violencia no lugar de traballo, incluído o seu tratamento na normativa sobre prevención de riscos laborais, e o endurecemento das sancións deste tipo de comportamentos, o resarcimento adecuado do dano ás vítimas, a eliminación de trabas que dificultan a denuncia, a proba en vía xurisdicional deste tipo de violencia e a adopción dun convenio internacional no seo da Organización Internacional do Traballo (OIT) que permita o tratamento específico da problemática da violencia e o acoso nos lugares de traballo, que defina un conxunto fundamental de principios que sustenten un enfoque inclusivo e integrado para a súa erradicación e que proporcione orientacións sobre como se deben aplicar estes principios.

Por outra banda, o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, aprobado en setembro de 2017, resulta insuficiente para protexer de forma efectiva ás vítimas; e a Xustiza debe formarse e actualizarse para non situarse á marxe da sociedade e situarse á vangarda na defensa dos dereitos fundamentais das mulleres. A erradicación da violencia machista ten que ser obra de toda a sociedade. Tolerancia cero e loitar pola erradicación de todo tipo de condutas de violencia contra as mulleres e pola mellora dos seus dereitos e da súa protección deben ser os obxectivos transversais de todas as políticas no noso país.

NOTA: A VOCEIRA DESTE TEMA É MÓNICA RODRÍGUEZ, SECRETARIA DE IGUALDADE, XUVENTUDE E MOVEMENTOS SOCIAIS DE UGT-GALICIA. TELÉFONO: 628470657.​

Noticias Relacionadas
VolverVolver
AFILIADOS y AFILIADAS ACCEDER
BUSCAR
REDES SOCIALES
Logo

Unión Xeral de Traballadores. Miguel Ferro Caaveiro12; 15707 SANTIAGO. Telf.: 981. 577. 171 Fax: 981. 599. 438   |   UGT é membro da CES e da CSI

[Aviso Legal] [Versión Móvil].