Omitir los comandos de cinta
Saltar al contenido principal
Inicio
AL DÍA >
NOTICIAS
UGT convoca mañá unha manifestación en Cervo para denunciar a persecución sindical en Sargadelos e en solidariedade con Rogelia Mariña e cos traballadores despedidos

UGT convoca mañá unha manifestación en Cervo para denunciar a persecución sindical en Sargadelos e en solidariedade con Rogelia Mariña e cos traballadores despedidos

UGT-Galicia | jueves, 22 de noviembre de 2018

UGT convoca unha manifestación mañá en Sargadelos como símbolo de repulsa pola situación de persecución sindical que se vive en Sargadelos, en solidariedade coa delegada de UGT Rogelia Mariña e cos traballadores despedidos. A manifestación sairá ás 13.30 horas de Cervo (Lugo) ata chegar a Sargadelos onde está prevista unha concentración ás portas da fábrica.

Á cabeza da manifestación estarán os secretarios xerais de UGT, Pepe Álvarez; UGT-Galicia, José Antonio Gómez; de UGT-Lugo-Lemos-Costa, Ángel Tomé; da Federación de Industria, Construción e Agro estatal (FICA-UGT), Pedro Hojas; e de FICA-Galicia, Javier Carreiro. Ademais, participarán outros membros das comisións executivas de UGT confederal, UGT-Galicia, das federacións, tanto galegas como estatais, e de unións comarcais e outras unións territoriais do resto do Estado.

A maiores, sairán autobuses de varias das sedes que UGT ten en Galicia para facilitar a participación de delegados e cadros do Sindicato procedentes de toda Galicia.

Ao comezo da manifestación, que sairá ás 13.30 horas da rúa Xosé María Cao, nas proximidades do Concello de Cervo, está previsto que Pepe Álvarez, José Antonio Gómez, Ángel Tomé, Pedro Hojas e Javier Carreiro manteñan un encontro cos medios de comunicación.

Despois, a manifestación partirá cara a fábrica de Sargadelos onde as persoas que participen na mobilización protagonizarán unha concentración ás portas da factoría onde intervirán Pepe Álvarez, Pedro Hojas e José Antonio Gómez.

UGT denuncia a situación na que se atopa a fábrica de Sargadelos, unha empresa que forma parte da historia de Galicia e que é mesmamente un símbolo identitario. Hoxe está en mans dun empresario que impón dubidosas prácticas laborais e actúa baixo criterios e con actitudes afastadas de calquera principio laboral dunha sociedade democrática.

A delegada de UGT Rogelia Mariña sabe ben desta situación, leva 44 nos na fábrica e 30 sendo a cara visible de UGT na factoría. Coa entrada do actual administrador único de Sargadelos, que accede tras un longo período de crise da fábrica, todo cambiou. Do diálogo e negociación pasouse ao menosprezo, á obstrución da labor sindical e á persecución sindical.

Rogelia tivo que sufrir imposicións unilaterais de sancións, de suspensión de emprego e salario por parte deste empresario, que foron declaradas inxustificadas pola Xustiza. Un intento de despedimento no 2016, declarado nulo en primeira instancia, obrigando á empresa a readmitila e indemnizala. Pero nada disto impediu que Rogelia continuase a defender os intereses dos seus compañeiros e compañeiras.

O empresario continuou utilizando todos os medios posibles para amedrentala e iniciou un proceso de despedimento de traballadores e traballadoras ameazando con pechar a empresa para obrigalos a recusar a Rogelia como delegada de persoal. O medo á perda do traballo levou a boa parte dos seus compañeiros a asinar un bochornoso documento.

Non se pode permitir que en pleno século XXI existan administradores únicos con esta catadura moral, que chegou a despedir a unha parte importante dos traballadores coa única finalidade de dobregar a vontade de Rogelia.

Se Sargadelos é patrimonio cultural de todos os galegos, aínda se está a tempo de defender a dignidade dos seus traballadores e traballadoras e deixar ben claro que a imposición e a persecución non son a alternativa ao diálogo e á negociación, e que UGT non vai consentir atropelos aos dereitos dos traballadores.

Por todo isto, para denunciar esta bochornosa situación e para evitar que este tipo de prácticas queden impunes, UGT convoca esta mobilización mañá.​





Campaña en defensa de Rogelia Mariña

OCTAVILLA​




POSTER MANIFESTACIÓN​




POSTER​




GALERÍA DE IMAXES​




DOSSIER INFORMATIVO EN GALEGO




POSTAL SOLIDARIA​

​Entrega esta postal para solidarizarche con Rogelia Mariña nas sedes das cabeceiras de Comarca de UGT-Galicia ou achégala por correo electronico a:

sargadelos@sargadelos.com

apoyoarogelia@cec.ugt.org



Noticias Relacionadas
VolverVolver
AFILIADOS y AFILIADAS ACCEDER
BUSCAR
REDES SOCIALES
Logo

Unión Xeral de Traballadores. Miguel Ferro Caaveiro12; 15707 SANTIAGO. Telf.: 981. 577. 171 Fax: 981. 599. 438   |   UGT é membro da CES e da CSI

[Aviso Legal] [Versión Móvil].