Omitir los comandos de cinta
Saltar al contenido principal
Inicio
AL DÍA >
NOTICIAS
UGT inaugurou en Ourense a exposición itinerante “130 anos de loita e conquista” que está a recorrer toda España

UGT inaugurou en Ourense a exposición itinerante “130 anos de loita e conquista” que está a recorrer toda España

Nesta repásanse 130 anos de loita obreira, dende a fundación no 1888 do Sindicato

| miércoles, 19 de septiembre de 2018
​UGT inaugurou este xoves en Ourense a exposición itinerante “130 anos de loita e conquista” que está a recorrer todas as provincias españolas dentro dos actos conmemorativos do 130 aniversario do Sindicato que arrancaron o pasado 12 de agosto en Barcelona cun acto que reuniu a cadros e delegados de UGT de toda España.
O acto de inauguración correu a cargo dos secretarios xerais de UGT-Galicia e UGT-Ourense-Valdeorras-Verín, José Antonio Gómez e Mario Franco, respectivamente, e tivo lugar na  sede do Sindicato en Ourense, onde permanecerá a exposición aberta ao público  ata o 15 de outubro.
Así, con esta exposición, ábrense os actos en Galicia conmemorativos deste 130 aniversario da UGT que continuarán en Vigo coa mesma exposición entre o 25 de outubro e o 20 de novembro e xa no ano 2019 con actos que se programarán nas provincias de A Coruña e Lugo.
“130 anos de loita e conquista” é unha exposición itinerante que, con motivo da efeméride que se conmemora, recorrerá ao longo deste e do vindeiro ano todas as provincias de España. Unha exposición composta por 20 paneis, 14 deles de carácter histórico e 6 temáticos.
Trátase de repasar os 130 anos de loita obreira nos que UGT estivo sempre ao carón dos traballadores e traballadoras.
En agosto de 1888 ten lugar un acontecemento fundamental da historia do movemento obreiro español: fúndase en Barcelona a Unión Xeral de Traballadores, creada para a defensa dos dereitos e a mellora das condicións de vida da clase traballadora.
A exposición recolle os períodos máis significativos desta longa traxectoria repasando os 130 anos de loita obreira e reivindicación dun mundo máis xusto. Os visitantes poderán atopar as datas e eventos máis importantes destes 130 anos.
Repásanse os principais logros do Sindicato nos anos de protestas, baixo a ditadura de Primo de Rivera, durante a chegada da II República, durante a Guerra Civil, na época da clandestinidade e o exilio de UGT pola dictadura franquista. Prosigue coa chegada da democracia e a legalización do Sindicato, cos anos 80 nos que se converte en primeira forza sindical e alcánzanse os anos de desavenencias de principios dos 90. A exposición finaliza coa etapa máis moderna, cos novos retos sociais, as alternativas para saír da crise e a recuperación de dereitos laborais. 
No acto, o secretario xeral de UGT-Ourense-Valdeorras-Verín incidiu en que, tras 130 anos, a finalidade para a que foi fundada a UGT segue plenamente vixente e así se reafirmou no manifesto de Barcelona do pasado 12 de agosto, que foi lido pola compañeira María Isabel González, a secretaria de Políticas sociais de UGT-Galicia.
Tamén destacou o importante esforzo  de recompilación e clasificación documental que hai detrás da exposición e, neste senso, explicou que se contou coa colaboración tanto da Fundación Pablo Iglesias como da Largo Caballero.
Pola súa banda, o secretario xeral de UGT-Galicia lembrou como a finais do século XIX fundouse en Barcelona a UGT e como nesta ardua tarefa un dos máis activos foi Pablo Iglesias, un galego universal, que construiría os cimentos organizativos do movemento obreiro en España.
Dende entón ata agora foron moitas as cousas que pasaron no mundo, en España e en Galicia e a UGT sempre tivo un importante papel na defensa dos dereitos e liberdades da clase traballadora. Detrás dos grandes avances en materia de liberdades e dereitos laborais e económicos sempre estivo o Sindicato. Así se pode comprobar  en cada un dos vinte paneis que compoñen a exposición.
José Antonio Gómez trasladou a Ourense o relato e indicou que a comezos do século XX Pablo Iglesias “estivo aquí para mediar nun conflito dos traballadores que estaban construíndo o ferrocarril e para impulsar a construción da casa do pobo. Tamén en Ourense se organizou neste momento unha importante folga dos traballadores da fundición Malingre para reclamarlle ao patrón poder comer dentro da nave e non ter que facelo no exterior”.
Foron moitos os homes e mulleres que durante estes 130 anos loitaron por unha sociedade máis xusta e igualitaria e que o fixeron unidos na UGT, conscientes de que a unión fai a forza.  Moitos tamén foron os que sufriron persecución, cadea e incluso deixaron a vida neste empeño pola igualdade con maiúsculas.
Destacou que hoxe, 130 anos despois, UGT cumpre e segue loitando polo mesmos ideais, polo reparto xusto da riqueza. Esta exposición debería servir para tomar conciencia de que os dereitos dos traballadores non son algo natural, houbo que conquistalos. E este é o obxectivo da exposición, que todos sexamos conscientes de canto costaron esas conquistas.
Rematou afirmando que UGT é historia viva e os traballadores e traballadoras necesitan dunha UGT forte para acadar unha saída xusta da crise.
Noticias Relacionadas
VolverVolver
AFILIADOS y AFILIADAS ACCEDER
BUSCAR
REDES SOCIALES
Logo

Unión Xeral de Traballadores. Miguel Ferro Caaveiro12; 15707 SANTIAGO. Telf.: 981. 577. 171 Fax: 981. 599. 438   |   UGT é membro da CES e da CSI

[Aviso Legal] [Versión Móvil].