Omitir los comandos de cinta
Saltar al contenido principal
Inicio
AL DÍA >
NOTICIAS

FeSP-UGT, no inicio do curso escolar, insta á Consellería de Educación a que restitúa os dereitos perdidos do profesorado galego

FeSP-UGT Galicia | lunes, 10 de septiembre de 2018

ORZAMENTOS INSUFICIENTES E SUPRESIÓN DE UNIDADES

A Xunta, segundo os Orzamentos de 2018, o orzamento previsto para educación para Galicia medra no 2%, pero este incremento segue sendo totalmente insuficiente para compensar os fortes recortes de 2008. A FeSP-UGT lamenta esta política restritiva da Xunta de Galicia que volve a deixar entrever a pouca importancia que lle dá ao ensino público e demanda que nos orzamentos de 2019 se rectifique e reverta dita situación.

Como cada comezo de curso escolar  cómpre lamentar a supresión de centros educativos. Neste caso trátase de 2 escolas de educación infantil: EEI de Apeadeiro (Cambre- A Coruña) e a EEI de Solbeira (Paderne de Allariz-Ourense). Co peche destas escolas seguemos a vivir o abandono do rural na nosa CCAA. O curso anterior, as liñas de transporte escolar comezaron a convivir co transporte ordinario, por aforrar uns cartos,  considerándoa unha medida potencialmente perigosa que atenta contra o sentido común e que FeSP-UGT rexeita rotundamente. Dar a "autoridade" aos monitores e condutores para vetar a subida aos autobuses ou ter que recorrer á Garda Civil para evitar que non haxa problemas son dislates, ademais do recoñecemento implícito de que tal medida é conflitiva.

A Consellería, pola súa parte, segue sen conceder ningún tipo de recoñecemento ás persoas que dirixen as escolas rurais de menos de 3 unidades (chamadas responsables de centro). Estes profesionais teñen que tramitar a mesma documentación e burocracia que un centro grande, coa salvedade de que ese traballo nin sequera lle é recoñecido no Concurso Xeral de Traslados. Estes trastornos provocan un  grao elevado de inestabilidade no ensino público no rural galego e un agravio comparativo entre a calidade do ensino nas cidades e nas escolas rurais que completan o seu cadro de persoal con profesorado itinerante ou que imparte materias afíns, mermando así a calidade do ensino no rural.

FeSP-UGT,  con data de 29 de xuño de 2017, solicitou á Consellería que se creara unha mesa técnica para crear un Mapa de Centros co fin de levar a cabo unha planificación negociada da creación ou supresión de centros educativos ou unidades de ensinanza, que responda a uns criterios obxectivos  e transparentes, e na que teñan cabida representantes de todos os sectores da comunidade educativa. Non recibimos resposta a pesar de reiterar a demanda en múltiples mesas sectoriais.

Como ocorre no ensino público, no ensino concertado estase a producir unha perda continuada de unidades en centros en crise e un incremento de unidades noutros. No ensino público o profesor definitivo non perde o seu posto de traballo, é trasladado (pero redunda na redución de profesorado interino); no privado, por contra, se despide a uns nos centros en crise e se contrata a outros nos centros que incrementan unidades.

Ata o ano 2009 a Administración, en base a un acordo de mantemento de emprego (AME) facilitaba o transvase de profesores duns centros a outros o que favoreceu a recolocación de máis de 600 docentes. A FeSP-UGT esixe a restitución deste acordo.

 

ACORDO DE MELLORA DO EMPREGO PÚBLICO

O 29 de marzo de 2017 asinouse un Acordo para a Mellora de Emprego entre Goberno e Sindicatos coa fin de reducir a temporalidade ao 90%. Este acordo afecta ao conxunto das Administracións Públicas e implica un desenvolvemento, concreción e negociación que debe se leva a cabo nas Mesas de negociación. Este acordo concretouse en Galicia para o ensino coa intención de reducir a taxa de interinidade ao 6%.

A sinatura deste acordo contribuíu a diminuír a porcentaxe de traballadores do ensino público (interinos e substitutos) en máis dun 60 % dotando ás plantillas galegas de estabilidade e experiencia. Non obstante, este sistema non é excluínte para profesores que se presentan sen ter méritos por tempo traballado na Consellería, tal e como se observa na estadística.

Este acordo debe servir para que os servizos públicos "prioritarios" non vexan diminuír os seus cadros de persoal, habilitando ás Administracións Públicas con competencias educativas para anticipar á posible aprobación da Lei de Presupostos unha lei de emprego público específica para o persoal docente non universitario, acompasándoa ao ano escolar.

 

CORPOPRAZAS OFERTADAS% INTERINOS E SUBSTITUTOS APROBADOS
MESTRES68764,92%
PROFESORES DE ENSINO SECUNDARIO75365,20%
PROFESORES TÉCNICOS DE FORMACIÓN PROFESIONAL13084,62%
Media total165366,68%

 

Este curso creáronse máis de 1-600 prazas novas pero son insuficientes para recuperar a perda dos máis de 3.000 postos de traballo que se perderon no ensino público nos últimos anos; polo que a FeSP-UGT seguirá reclamando unha xenerosa oferta de emprego público para este curso nas vindeiras mesas de negociación.

Por outra banda, a FeSP-UGT quere denunciar a gran cantidade de prazas desertas: Un 16% das prazas convocadas nas oposicións deste ano quedaron sen cubrir, fundamentalmente as de promoción interna e certas especialidades de Secundaria e de FP. Aínda descontando as 262 prazas de promoción interna, un total de 73 prazas de ingreso á función pública non foron cubertas (un 5%), e o destacable é que non foi porque non houbera aspirantes. Esta organización esixe á consellería que faga unha boa xestión do vindeiro proceso selectivo para evitar que se reitere esta situación e outras disfuncións como os exames mal redactados ou espazos non adecuados para levar a cabo o proceso selectivo.

RECUPERACIÓN DO PODER ADQUISITIVO

Desde 2010, como consecuencia da crise económica e de distintas leis que trataron de solucionar os problemas económicos do país, realizáronse diversos recortes nos salarios dos docentes superiores ao 12% sen ter en conta a perda de poder adquisitivo debido ao incremento do IPC que situaría a perda ao redor dun 30%.

A FeSP-UGT viña demandando desde hai anos un acordo de homologación salarial para o profesorado galego que finalmente tivo sinatura o 18 de xullo e que se suma ao acordo asinado no estado por esta organización sindical. Este acordo non restitúe todo o perdido pero homologa ao profesorado galego co resto de comunidades autónomas cunha subida, de aquí a xaneiro de  2021 de 1.260 euros. Este acordo aporta unha claúsula de revisión anual que permite a modificación do acordo en caso de que exista unha deshomologación salarial con respecto ao resto de CCAA.

O Acordo estatal de 9 de marzo de 2018 no ámbito educativo incorpora os seguintes incrementos (entre 6,12 e 7,97% sen contar os fondos adicionais):

• 2008: Suba de 1,75%

• 2019: Entre 2,25 e 2,50%

• 2020: Entre 2 e 3% + 0,55%

A suma dos dous acordos en xaneiro de 2019 suporá o incremento mensual entre 119 € e 172 € en función dos corpos e da antigüidade; que seguirá incrementando en 2020 e 2021 nas anteriores porcentaxes.

E mentres isto pasaba no ensino público, ao profesorado do ensino concertado, no ano 2012 elimináronlle o 4,5% do salario base e se mantivo ese recorte ata 2016. Isto supuxo unha perda de poder adquisitivo, ao longo de todo este tempo, equivalente ao salario de todo un ano. A este recorte engádeselle que o goberno de Feijóo eliminou os 45 € de incremento salarial en concepto de analoxía salarial co profesorado do ensino público, afondando aínda máis as diferenzas salariais. Con elo a propia administración pública, que debe ser garante da non discriminación, paga a polo mesmo traballo salarios moi distintos rompendo así o dereito básico de igual traballo, igual salario.

A UGT é unha organización plural e que tenta responder ás demandas e dereitos de todos os traballadores. Isto pode observarse claramente na sinatura deste acordo que inclúe a todos os colectivos de profesorado galego dun xeito lineal; polo que afecta ao ensino público e ao ensino concertado. Aínda así, seguimos loitando pola recuperación de todos os cartos perdidos e a restitución dos acordos suspendidos na época da crise.

RESTITUCIÓN DE ACORDOS SUSPENDIDOS

No ensino público segue o incremento de rateo do alumnado e o incremento de horas lectivas. Non hai perspectivas de negociación para volver ao acordado previamente pero esta OOSS esíxeo en todas as reunións coa Administración; xa que o acordo asinado co Estado dá vía libre ás administracións autonómicas a recuperar estes acordos; algo que xa se está levando a cabo noutras CCAA. Na mesma liña de restitución dos dereitos perdidos seguimos esixindo a non eliminación dos descontos por Incapacidade temporal.

No ensino concertado desde 2009 non hai Acordo de Mantemento de Emprego e desde 2010 non hai Acordo para o aboamento da Paga Extraordinaria de Antigüidade na empresa. A nivel de todo o Estado esta é a única comunidade que non cobra a PEA dende fai 8 anos. Esiximos a restitución destes acordos.

REORGANIZACIÓN DO CALENDARIO ESCOLAR

FeSP-UGT leva uns anos propoñendo que se leve a cabo unha racionalización do calendario escolar de xeito que se reorganice o mesmo en base ás necesidades de descanso do alumnado atendendo a un criterio pedagóxico. Este curso escolar é plausible este desfase entre trimestres (175 días lectivos: 1ª avaliación: 69; 2ª avaliación: 66; 3ª avaliación: 42) e instamos á Consellería de Educación a que abra o debate para chegar a un acordo na reorganización dos períodos lectivos co obxectivo de que tanto o alumnado como  o profesorado teña uns períodos de traballo equilibrados en número de días lectivos e atendendo ao criterio de favorecer a conciliación familiar.

AFÍNS

A esta organización preocúpalle a situación de provisionalidade do profesorado galego e a pouca estabilidade das plantillas dos centros, véndose afectados por esta provisionalidade e polo complemento horario mediante materias afíns e itinerancias, o que merma a calidade do ensino.

Se ben é certo que conseguimos, co esforzo de todos, reducir a taxa de provisionalidade co último concurso de traslados; aínda queda moito po facer. A FeSP-UGT solicitou, na última mesa sectorial, a creación dunha mesa técnica que estude as vacantes para Concurso Xeral de Traslados conseguindo o compromiso da Administración de levala a cabo, para poder reducir esta taxa de provisionalidade.

Aínda que esta OOSS conseguiu que o curso pasado, grazas á recollida de sinaturas e á implicación do profesorado galego, limitáranse os perfís da impartición das afíns a dúas por praza seguimos considerando a medida como insuficiente e este curso volveremos a traballar para intentar que a impartición destas materias se regule máis profundamente; xa que seguimos a ver vacantes con afíns de perfiles moi dispares. Feito que non fai máis que reducir a calidade do ensino. A modo de exemplo:

  • Unha vacante de latín con afín EF e lingua e literatura galega (EPAPU Berbés-Vigo),
  • Ou outra de Tecnoloxía con afíns debuxo e música ( CPI Tomás Terrón Mendaña)

​O ENSINO UNIVERSITARIO EN CRISE

Comezamos un novo curso académico cos mesmos problemas que o pasado, onde destaca la taxa de reposición e o tope na masa salarial que unido a unha escasa financiación deixa ás Universidades galegas nun estado de auténtica precariedade.

A taxa de reposición fai que existan profesores aos que lles finaliza o contrato de Axudante Doutor, que por convenio colectivo ten dereito á estabilización nunha figura ben con contrato indefinido (contratado Doutor) ou unha funcionarial (titular da universidade), e que teñan que recurrirse a contratos basura, algún cunhas nóminas inferiores ao soldo base, para que non perdan la vinculación coa Universidade.

O tope na masa salarial é o que realmente afunde ás Universidades na precariedade laboral e las coloca nunha situación moi complicada á hora do crecemento e renovación do profesorado  e PAS, deixando plantillas excesivamente envellecidas. Esta situación condiciona tamén a calidade do ensino xa que nun gran número de facultades falta profesorado debidamente formado para impartir as clases. Grupos de alumnos numerosos, que no se parece en nada ás directrices de Bolonia nin a calquera país da Unión Europea

Por último e como chave de todo é a escasa financiación que impide a modernización das instalacións, adecuación das infraestructuras e un envellecemento con deterioros importantes dos centros, que por falta de fondos teñen que aprazar o seu arranxo. Isto inflúe dentro do ámbito laboral nunha perda importante das condicións de traballo.

Desde UGT queremos facer un chamamento á Xunta de Galicia para que deixe de lado esa política cicatera e restritiva que está impedindo o crecemento das Universidades Galegas e demandamos:

  • Un incremento na financiación que se basee nun estudio serio e pormenorizado das necesidades estruturais de cada unha das Universidades Galegas.
  • A creación dunha plantilla de investigación das Universidades, cunha financiación estable e suficiente.
  • A creación dunha figura de  profesorado laboral non doutor cunha duración definida, que permita en aquelas titulacións cunha empleabilidade alta, que se poda ter profesorado formado de recambio para cubrir as xubilacións e non ter que recorrer a profesores asociados que teñen moi pouca vinculación coa Universidade.
  • Uns módulos de docencia similares a los europeos.​
Noticias Relacionadas
VolverVolver
AFILIADOS y AFILIADAS ACCEDER
BUSCAR
REDES SOCIALES
Logo

Unión Xeral de Traballadores. Miguel Ferro Caaveiro12; 15707 SANTIAGO. Telf.: 981. 577. 171 Fax: 981. 599. 438   |   UGT é membro da CES e da CSI

[Aviso Legal] [Versión Móvil].