Omitir los comandos de cinta
Saltar al contenido principal
Inicio
AL DÍA >
NOTICIAS
Galicia é a terceira comunidade que rexistra máis accidentes laborais graves, que se incrementan nun 27,3%

Galicia é a terceira comunidade que rexistra máis accidentes laborais graves, que se incrementan nun 27,3%

A precarización que sufriu o mercado laboral nestes últimos anos está detrás desta situación

UGT-Galicia | viernes, 24 de agosto de 2018

Nos primeiros 5 meses do ano só a provincia de A Coruña rexistra máis accidentes graves que comunidades como Euskadi, Aragón ou Castela-A Mancha


Unha análise dos datos de sinistralidade laboral en Galicia amosa un panorama preocupante ante o cal urxe tomar medidas porque a sinistralidade non pode converterse nunha característica inherente ao mercado laboral desta comunidade.

Para UGT-Galicia, resulta evidente que os anos de crise -que levaron a unha forte precarización do mercado laboral galego-, xunto coa imposición dunha Reforma laboral -que só trouxo precariedade e situou ao traballador na parte máis débil da balanza en relación ao empresario, incluso lle restou moitos dos instrumentos de loita que tiña ata o momento-, están detrás desta realidade.

Unha realidade que fai que UGT-Galicia se vexa na obriga de alertar sobre uns datos moi negativos. Nos primeiros 5 meses de 2018 un total de 11.180 persoas foron vítimas dun accidente laboral nesta comunidade, isto supuxo un incremento dun 4,92% en relación aos datos rexistrados hai un ano neste mesmo período. Deste total, 18 accidentes foron mortais, 191 graves e 10.971 tiveron a consideración de leves.

Neste contexto, o Sindicato fai fincapé no forte incremento dos sinistros graves, que pasaron de 150 nos primeiros 5 meses de 2017 aos 191 deste ano. Isto supón un aumento dun 27,3 %. Unha cifra moi preocupante que sitúa a Galicia como a terceira comunidade do Estado no relativo aos accidentes graves, só superada por Andalucía e Cataluña, e moi afastada de comunidades máis desenvolvidas económicamente como o País Vasco, con 64; Madrid, con 135; ou comunidade Valenciana con 132.

Por exemplo, resulta moi significativo que só a provincia de A Coruña, con 72 sinistros graves nun período de 5 meses, rexistre máis accidentes que comunidades autónomas como Euskadi, Aragón ou Castela-A Mancha.

Unha análise por provincias indica que a sinistralidade medrou en todas, na Coruña, nun 4,57%; en Lugo, nun 9,66%; en Ourense, nun 10,60%; e en Pontevedra, nun 2,20%. Pero destaca o que sucedeu en Lugo onde, ademais de rexistrarse un forte incremento da sinistralidade en termos xerais, no caso da mortal pásase de 2 accidentes nos primeiros 5 meses de 2017 aos catro deste ano.

Por actividades económicas, destaca a industria manufactureira con 3.273 accidentes; seguida do comercio, venda e reparación de vehículos a motor, con 1.540 sinistros; a construción, con 1.380 accidentes; e as actividades sanitarias e de servizos sociais, que acumulan un total de  920 accidentes con baixa laboral nos primeiros 5 meses de 2018.

O Instituto Nacional de Seguridade, Saúde e Benestar no Traballo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social tamén ofrece unha análise interanual igual de desoladora para o mercado laboral galego no eido da sinistralidade.

ENTRE ABRIL DE 2017 E MARZO DE 2018 GALICIA É A TERCEIRA COMUNIDADE CON MÁIS ACCIDENTES GRAVES E A CUARTA CON MÁIS SINISTROS MORTAIS

De feito, a evolución da sinistralidade no período abril 2017-marzo 2018 indica que Galicia é a terceira comunidade do Estado en números absolutos en canto a accidentes graves (459) e a cuarta no relativo aos mortais (43).

POR CADA 100.000 TRABALLADORES EN ACTIVO, GALICIA É A SEGUNDA COMUNIDADE QUE REXISTRA MÁIS ACCIDENTES GRAVES E MORTAIS

Facendo unha análise comparativa mediante o estudo do índice de incidencia (número de accidentes de traballo por cada 100.000 traballadores coas continxencias profesionais cubertas), que permite relacionar o número de accidentes co número de traballadores afiliados, obsérvase que Galicia é a segunda comunidade do Estado con maior índice de incidencia de accidentes graves (56,7) -duplicando a media estatal-, só superada por Estremadura (61,9) e tamén a segunda con maior índice de incidencia de accidentes mortais (5,3), só superada por Cantabria (7,4).

Ademais, hai que denunciar que Galicia, xunto con Estremadura e a Comunidade Valenciana, son as únicas que no devandito período ven medrar o seu índice de incidencia total, respecto ao período anterior. De feito, no período abril 2017-marzo 2018, en relación a abril 2016-marzo 2018, no conxunto do Estado o índice de incidencia redúcese un 3,2%, mentres que en Galicia increméntase nun 2,7%.

UGT-GALICIA DENUNCIAN FALTA DE VONTADE POR PARTE DAS ADMINISTRACIÓNS E DOS EMPRESARIOS PARA POÑER FIN Á LACRA DA SINISTRALIDADE LABORAL

UGT-Galicia xa leva tempo advertindo da gran lacra que supón para o mercado laboral galego os índices que presenta de sinistralidade. Unha barreira que, ano tras ano, parece non poder salvarse. Pero dende o Sindicato insiste en que si é unha barreira salvable e, cando menos, a curto prazo mellorable. Hai lexislación, hai medidas e medios que se poden implementar, o que falta é vontade por parte dos empresarios e das administracións para poñerlle fin xa a esta lacra.

O mercado laboral precarizouse significativamente, as condicións de traballo empeoraron ata o punto de poñer en serio risco a seguridade e a saúde das traballadoras e traballadores do noso país. Por iso, desde UGT-Galicia esiximos que se derrogue a reforma laboral que deteriorou as condicións de traballo e debilitou a negociación colectiva e insta ó Goberno a que inclúa a seguridade e saúde dos traballadores como unha prioridade nas súas políticas e estableza investimentos eficaces nos campos que verdadeiramente axuden á redución da sinistralidade laboral.

Pero o anterior Goberno, lonxe de establecer a seguridade e a saúde das persoas traballadoras como unha prioridade nas súas políticas, obviando cifras tan alarmantes e lonxe de loitar contra esta secuela social, que é a sinistralidade laboral, continuou considerando un gasto os recursos destinados á prevención en lugar dun investimento. Chama a atención que o maior incremento orzamentario prodúcese no gasto destinado ás mutuas, en particular á redución das cotizacións por continxencias profesionais das empresas, a través do coñecido como " bonus". Esta partida increméntase un 32%, pasando de 67,5 millóns de euros en 2017 e 2016 a 89 millóns de euros en 2018. Esta cantidade é o triplo do destinado nos anos 2015 e 2014, nos que a partida orzamentaria contaba con 30 millóns de euros. Este enorme incremento orzamentario que se produciu nos últimos anos, e que debería ir destinado a incentivar a redución da sinistralidade nas empresas, está a servir para financiar ás empresas e as mutuas principalmente, mentres se está reducindo a participación activa dos traballadores no proceso de obtención do bonus e diminúense os requisitos para a súa concesión. Para o sindicato, poderíase utilizar de forma máis efectiva este diñeiro investindo realmente en políticas preventivas.

Para UGT-Galicia, a prevención de riscos laborais e a seguridade e saúde no traballo son aspectos de extrema importancia na sociedade e unha mala xestión trae da man consecuencias moi graves, ás veces irreparables, para os afectados, as súas familias e a sociedade en xeral.

Neste contexto, UGT-Galicia reafírmase na idea de que para mellorar a prevención de riscos e reducir os danos á saúde producidos polo traballo é necesario acabar coas desigualdades e para lograr este obxectivo proponse:

  • Derrogar as normas que impediron que todos os colectivos teñan o mesmo grao de protección da súa saúde, en particular as reformas laborais que estenderon a precariedade, instalando o medo a perder o emprego, individualizando as relacións laborais, dificultando o exercicio efectivo de dereitos e profundando na desigualdade.
  • Reverter a reforma do marco xurídico das Mutuas que supuxo un recorte nos dereitos de traballadoras e traballadores e que só serviu para que estas invadisen competencias dos servizos públicos, privatizando a xestión de actividades que deberían ser exclusivas da Seguridade Social.
  • Intensificar as políticas activas en materia de prevención dotando cos suficientes medios económicos e humanos aos organismos técnicos como o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene en Traballo.
  • Reforzar os mecanismos de control do cumprimento da lexislación en materia de igualdade nas empresas e de loita contra a fraude laboral e a economía mergullada.
  • Desenvolvemento da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo 2016-2020 e da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2015-2020, facendo especial fincapé en todas as cuestións relacionadas coas enfermidades de orixe laboral.
  • No marco da empresa, a incorporación da perspectiva de xénero na actividade preventiva. Ao mesmo tempo, é preciso que se recuperen os investimentos en prevención e a centralidade da negociación colectiva nas relacións laborais. A negociación colectiva está estreitamente ligada á presenza de sindicatos nos centros de traballo, o que constitúe a mellor garantía para o exercicio de dereitos e para a protección da saúde.
  • O establecemento da figura do delegado de prevención territorial ou sectorial, xa que no conxunto do Estado existen máis dun millón de empresas con menos de 6 traballadores, das cales máis de 62.000 atópanse en Galicia, nas que traballan dous millóns de persoas que non teñen dereito a elixir un delegado de persoal. O obxectivo sería asegurar o exercicio ao dereito á saúde e á seguridade e os niveis de protección a estes traballadores nos mesmos termos que no resto das empresas.
  • Incrementar a vixilancia e control das actuacións en materia de prevención de riscos laborais por parte da Inspección de Traballo e Seguridade Social.
  • A recuperación dos investimentos públicos en materia de prevención de riscos laborais.

     
Noticias Relacionadas
VolverVolver
AFILIADOS y AFILIADAS ACCEDER
BUSCAR
REDES SOCIALES
Logo

Unión Xeral de Traballadores. Miguel Ferro Caaveiro12; 15707 SANTIAGO. Telf.: 981. 577. 171 Fax: 981. 599. 438   |   UGT é membro da CES e da CSI

[Aviso Legal] [Versión Móvil].