Omitir los comandos de cinta
Saltar al contenido principal
Inicio
AL DÍA >
NOTICIAS
UGT e CCOO chaman á cidadanía galega a mobilizarse este Primeiro de Maio porque é tempo de gañar igualdade, mellor emprego, maiores salarios e pensións dignas

UGT e CCOO chaman á cidadanía galega a mobilizarse este Primeiro de Maio porque é tempo de gañar igualdade, mellor emprego, maiores salarios e pensións dignas

Ambos sindicatos convocan manifestacións na Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Viveiro, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo, á que asistirán os secretarios xerais

UGT-Galicia | lunes, 30 de abril de 2018

O S.N. de CCOO de Galicia e UGT-Galicia fan un chamamento á cidadanía galega a participar masivamente nos actos convocados para conmemorar este Primeiro de Maio. A data tense que converter nun punto e aparte porque chegou o momento de que os traballadores participen na mellora da economía e que a riqueza comece a repartirse dun xeito máis xusto.

Baixo o lema “É tempo de gañar. Igualdade, mellor emprego, maiores salarios e pensións dignas”, UGT e CCOO queren que esta data se converta nun berro unánime da cidadanía galega aos gobernos do PP en Madrid e en Galicia porque xa van catro anos de crecemento económico, hai máis empresas con beneficios que antes da crise e, sen embargo, a desigualdade e a pobreza está a niveis moi superiores aos que había antes de 2008.

Ambos os sindicatos, que convocan manifestacións na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Viveiro, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo, onde será o acto central, consideran que as políticas económicas do crecemento e da precariedade son as responsables desta situación. A desvalorización salarial e a precarización das condicións de traballo, promovidas pola reforma laboral, fomentan unha recuperación baseada nun reparto desigual da riqueza e fomenta un modelo de crecemento asentado en actividades pouco produtivas.

Basta con debullar o lema deste Primeiro de Maio para encarar de fronte as grandes lacras da sociedade actual nun contexto de crecemento que non está a chegar ás familias.

“É tempo de gañar igualdade” porque o pasado 8 de marzo a voz da cidadanía foi nítida e clara. As cousas teñen que mudar, así se demandou na folga histórica do 8 de marzo e nas mobilizacións que a acompañaron. Pero, a pesar disto, o Goberno parece estar xordo, así o amosan os Presupostos Xerais do Estado para 2018 onde o Executivo tan só adica un 0,007% a igualdade. É evidente que non entendeu nada do que o 8 de marzo se lle dixo nas rúas. Igual que no 8M, neste Primeiro de maio denunciarase a precariedade laboral das mulleres, a brecha salarial e a violencia machista da que son vítimas.

“É tempo de gañar mellor emprego”, xa que as reformas laborais, sobre todo a de 2012, seguen a ser a espada de Damocles que non deixan mellorar o mercado laboral a pesar da mellora económica. O desemprego só baixa por cuestións estacionais, non pola mellora do tecido laboral. Aínda así, en Galicia seguimos a soportar unha conxuntura con 185.103 persoas desempregadas. Cuns niveis de rotación da contratación laboral altísimos, nun só mes chegan a asinarse en Galicia máis de 75.000 contratos que na súa maioría non se consolidan.

Nove de cada dez contratos son temporais e a súa duración media é cada vez menor, case a cuarta parte dura menos dunha semana. A contratación a tempo parcial, na maioría dos casos involuntaria, gañou peso nestes últimos anos.

O paro de longa duración afecta ao 47,5% das persoas desempregadas e os niveis de protección contra o desemprego seguen en mínimos, cunha taxa de cobertura do 55,1%, deixando fóra do sistema de protección a 77.579 persoas desempregadas, 93.117 se se teñen en conta tanto aos que teñen dereito á cobertura como aos que non xeraron este dereito. E, aínda por riba, a gran maioría da cobertura dos desempregados é de carácter asistencial.

É tempo de gañar maiores salarios porque a negociación colectiva atópase constrinxida polas medidas regresivas adoptadas polas reformas laborais e pola actitude de patronais e empresas, que se resisten a reverter nas traballadoras e traballadores os efectos positivos do crecemento da economía.

É de xustiza que, nesta etapa de recuperación económica, a negociación colectiva reflicta unha mellora substancial dos salarios en xeral e dos máis baixos en particular, con cláusula de garantía para protexer o poder adquisitivo fronte a un aumento excesivo dos prezos dos produtos de consumo. CCOO e UGT tamén demandan neste Primeiro de Maio o aumento dos compromisos empresariais en relación coa estabilidade e calidade do emprego, a redución das desigualdades, a protección da saúde e o investimento produtivo.

Tamén chegou o tempo de gañar pensións dignas. Así o ven reclamando a cidadanía nas rúas nas distintas mobilizacións que se veñen convocando nos últimos meses. Esta batalla hai que gañala, polos actuais pensionistas e polos futuros. Chegou a hora de rescatar ás persoas, urxe derrogar a reforma de 2013, que contén un factor de sustentabilidade que rebaixa as futuras pensións nun 30%. Hai que avanzar nunha negociación para acabar cos gastos que sustenta a Seguridade Social que non lle corresponden. Hai que garantir unha renovación do Pacto de Toledo que asegure o sistema de pensións no noso país.



CADRO DE MANIFESTACIÓNS DO 1 DE MAIO

LOCALIDADE

HORA

SAÍDA

A CORUÑA

12:00

Praza da Palloza

SANTIAGO

11:30

A Alameda

FERROL

12:00

Praza do Inferniño / Porta Nova

LUGO

12:30

Ronda da Muralla (diante de Sindicatos)

VIVEIRO

12:00

R/García Dóriga (diante de Sindicatos)

OURENSE

12:00

Pavillón dos Remedios

PONTEVEDRA

12:00

Praza da Ferrería

VIGO

11:30

Cruzamento de Urzáiz coa Vía Norte

VILAGARCÍA

12:00

Praza de Ravella







Noticias Relacionadas
VolverVolver
AFILIADOS y AFILIADAS ACCEDER
BUSCAR
REDES SOCIALES
Logo

Unión Xeral de Traballadores. Miguel Ferro Caaveiro12; 15707 SANTIAGO. Telf.: 981. 577. 171 Fax: 981. 599. 438   |   UGT é membro da CES e da CSI

[Aviso Legal] [Versión Móvil].