Omitir los comandos de cinta
Saltar al contenido principal
Inicio
AL DÍA >
NOTICIAS

Mentres aumentan o paro nun 2,4%, o desemprego de longa duración afecta a 86.500 persoas e 68.900 vivendas teñen a todos os activos no paro, o Goberno intenta reducir aínda máis as prestacións

Os datos ofrecidos hoxe pola EPA amosan a debilidade do proceso de expansión económica

UGT-Galicia | jueves, 26 de abril de 2018

Os datos da EPA do primeiro trimestre de 2018 evidencian a debilidade do proceso de expansión económica que se está a vivir neste país. A ocupación segue contraéndose, o desemprego aumenta, o paro de longa duración supera as 85.000 persoas, a taxa de actividade non sube dos 53 puntos, case 69.000 vivendas teñen a todos os seus activos no paro e máis de 34.000 non perciben ingresos, a temporalidade xa é de 26 puntos e o emprego a tempo parcial xa afecta a case o 14 por cento dos empregados en Galicia. 

E a pesar do panorama descrito, o Goberno, de novo, fai oídos xordos e pretende recortar as prestación por desemprego e o gasto nesta materia, como se reflicte no seu Proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2018. O Executivo pretende volver a axustar o déficit a costa dos dereitos dos traballadores desempregados. Por cada desempregado, o Goberno destinará no 2018 un total de 6.776 euros. 2.758 menos que no ano 2010, co agravante de que a taxa de cobertura por desemprego era case 20 puntos superior á actual.

O PARO INCREMÉNTASE NUN 2,4%, 4.400 PERSOAS MÁIS NO DESEMPREGO

Entrando de cheo cos datos, estes evidencian que no primeiro trimestre de 2018, con respecto ao trimestre anterior, dáse unha contracción da ocupación do 0,5 por cento en Galicia, 5.700 ocupados menos. En relación a hai un ano a ocupación mellora un 1,6 por cento nesta Comunidade, aínda que moi por debaixo das cifras estatais, do 2,36 por cento.

Aínda así, as cifras de ocupación son de 1.050.100 persoas, cunha taxa do 45 por cento (48,7 por cento no Estado), moi afastada dos valores previos á crise, con taxas superiores ao 50 por cento.

O desemprego aumenta en Galicia no trimestre en 4.400 persoas, o 2,4 por cento. No ano cae o 14,1 por cento en Galicia e o 10,8 por cento no Estado. Hai en Galicia 186.500 persoas en situación de desemprego, segundo datos da EPA, cunha taxa de paro do 15,1 por cento, fronte ao 16,74 por cento do resto do Estado. Esta diferenza, a favor da Comunidade galega, que podería ser un dato positivo convértese en negativo porque ven causada polo menor dinamismo do mercado laboral galego, inmerso nun profundo cambio estrutural pola caída poboacional, especialmente no eido da poboación activa.

O PARO DE LONGA DURACIÓN AFECTA XA A 86.500 PERSOAS

O paro de longa duración é unha das principais lacras do mercado laboral galego que amosa a súa incapacidade para darlle o seu sitio a 86.500 persoas que levan máis dun ano en busca de emprego, dos que, 68.500 xa levan máis de dous anos.

E non só cae a poboación en idade de traballar, tamén aquelas persoas que xa forman parte ou desexan formar parte do mercado laboral, baixa a poboación activa en 1.300 persoas. Isto redunda nunha taxa de actividade en Galicia de tan só o 53 por cento, fronte ao 58,5 por cento do resto do Estado.

68.900 VIVENDAS CON TODOS OS ACTIVOS NO PARO E 34.300 NON PERCIBEN INGRESOS
Son moitas as sombras que asolagan o mercado laboral galego e a situación das familias é unha das máis significativas. As vivendas nas que todos os activos están no paro son 68.900 e 34.300 xa non perciben ingresos. Estes valores seguen a ser insostibles, sobre todo, se se comparan cos que se rexistraban en Galicia a comezos do terceiro trimestre de 2009 (44.800 e 19.700), en cada un dos casos. Dende UGT-Galicia reitérase que a recuperación non está a chegar ás familias.
O MERCADO LABORAL GALEGO SOPORTA UNHA TAXA DE TEMPORALIDADE DO 26,7%

A taxa de temporalidade é en Galicia neste cuarto trimestre do 26,7 por cento, moi por enriba do 22,54 por cento que se rexistraba no cuarto trimestre do ano 2013 e tamén algo superior á que se daba hai un ano, do 26,66 por cento. Os nefastos efectos das reformas laborais seguen aí. 

De feito, se se analiza a duración dos 221.700 contratos temporais, detéctanse datos como  que 78.200 durarán menos dun ano, ao que se lle sumarían os 1.800 asalariados temporais que din non saber canto durará o seu contrato pero si que menos dun mes; ou os 75.900 que tamén afirman descoñecer a súa duración, aínda que matizan que máis dun mes; ou os 17.600 que afirman directamente que descoñecen a duración da súa contratación. Esta realidade só pode describir inestabilidade e precariedade.

UGT-Galicia insiste en que o maior movemento das cifras de asalariados con contrato temporal que con contrato indefinido, tanto no trimestre como no ano, amosan os niveis de rotación existentes no mercado laboral galego marcado forte temporalidade no emprego.

O EMPREGO A TEMPO PARCIAL AFECTA AO 13,7% DOS OCUPADOS E, DESTE TOTAL, O 57% SON INVOLUNTARIOS

Outra cifra máis que apunta nesta dirección é a cifra referida ao emprego a tempo parcial que afecta xa ao 13,7 por cento dos ocupados, 143.700 persoas. Pero é que deste total, o 57 por cento afirma ter un contratos a tempo parcial en contra da súa vontade.
A crise e as reformas laborais deixaron como herdanza unha precarización do mercado laboral e dos dereitos dos traballadores, producindo un aumento dos niveis de desigualdade.

UGT-Galicia considera imprescindible unha nova orientación da política económica cuns Orzamentos Xerais do Estado para o 2018 que aposten polos factores que permiten a unha economía medrar e medio e longo prazo. Uns Orzamentos que aposten por uns empregos e salarios de calidade e pola protección aos desempregados. Todo elo é necesario para que España consiga encarar un proceso de expansión económica sustentable, para todos, permitindo a diminución dos niveis de desigualdade e pobreza. 

NOTA: O VOCEIRO DESTE TEMA É JOSÉ CARLOS RODRÍGUEZ DEL RÍO, SECRETARIO DE POLÍTICA INSTITUCIONAL DE UGT-GALICIA. TELÉFONO: 658774009.


Noticias Relacionadas
VolverVolver
AFILIADOS y AFILIADAS ACCEDER
BUSCAR
REDES SOCIALES
Logo

Unión Xeral de Traballadores. Miguel Ferro Caaveiro12; 15707 SANTIAGO. Telf.: 981. 577. 171 Fax: 981. 599. 438   |   UGT é membro da CES e da CSI

[Aviso Legal] [Versión Móvil].