Omitir los comandos de cinta
Saltar al contenido principal
Inicio
AL DÍA >
NOTICIAS
FeSP-UGT denuncia desfragmentación, falta de previsión e ineficacia por parte dos responsables do deseño do operativo da loita contra os lumes en Galicia

FeSP-UGT denuncia desfragmentación, falta de previsión e ineficacia por parte dos responsables do deseño do operativo da loita contra os lumes en Galicia

FeSP-UGT | martes, 17 de octubre de 2017

Os responsables do Sector de Autonómica da Federación galega de empregados e empregadas dos Servizos Públicos (FeSP-UGT) e o responsable de Bombeiros Forestais denuncian desfragmentación, falta de previsión e ineficacia por parte daqueles que están ao fronte do deseño do operativo da loita contra os lumes en Galicia nesta última vaga que está a asolagar esta Comunidade.

Neste contexto, desde UGT, o primeiro que se quere resaltar é o esforzo persoal dos traballadores que forman o dispositivo do SPDCIF en Galicia (técnicos, axentes e bombeiros forestais), que estes días renuncian a días libres, vacacións e realizaron xornadas de 12 horas de traballo para poder atallar a virulencia dos lumes que levan unha semana asolando o noso país e con maior incidencia este fin de semana.


Tamén se agradece o apoio solidario de toda a cidadanía que axudou e está a participar na extinción, tanto para protexer os seus bens como para colaborar co dispositivo.


Ademais, é o momento de denunciar a alta actividade incendiaria, á espera da investigación das causas que motivan os incendios, e solicitar calquera colaboración cidadá que poida dar algunha información sobre os responsables destes lumes.


DESMANTELAMENTO NEGLIXENTE DO DISPOSITIVO DE REFORZO DE VERÁN CUNHAS CONDICIÓNS CLIMÁTICAS DE RISCO EXTREMO


Á vista de como sucederon os feitos, UGT denuncia a falta de previsión, ineficacia e inoperancia dos responsables do deseño do operativo contra incendios da Xunta de Galicia ao desmantelar de xeito neglixente o dispositivo de reforzo de verán cunhas condicións climáticas de risco extremo de incendios forestais en gran parte do territorio.


Sumado a isto, a Consellería négase á cobertura de moitas vacantes, baixas e vacacións do persoal que forma o dispositivo permanente do SPDCIF, que fai que as brigadas de bombeiros forestais estean incompletas, casetas pechadas e motobombas paradas, cando non existe restrición orzamentaria para a provisión destes postos.


Por isto, UGT esixe responsabilidades á Consellería do Medio Rural ante quen tomou a decisión de cesar ao reforzo do período de alto risco coas condicións climáticas que se estaban a dar xa naqueles intres e cunha seca de máis de 6 meses en toda Galicia.


A realidade é que foron cesados na súa actividade o día 30 de setembro 436 traballadores do SPDCIF e reactivados o día 10 de outubro. A maiores outros 500 traballadores son cesados o día 12 de outubro, que forman 125 brigadas da E.P. SEAGA e reactivados para o día 16 de outubro, pese a advertencia e solicitude por parte desta Organización Sindical da necesidade da súa continuidade.


UGT leva anos reivindicando o deseño dun operativo único, público, permanente e profesional pero a Consellería négase reiteradamente ao diálogo. Hai que asumir que as características dos lumes en Galicia cambiaron e polo tanto o modelo de deseño do operativo está obsoleto e debe revisarse.


A desfragmentación do dispositivo actual xera unhas eivas de operatividade que teñen que ser corrixidas. Así, o dispositivo actual está fragmentado entre a esfera pública, diversificado entre a Xunta de Galicia, entidades públicas (SEAGA e TRAGSA) e a Administración local, con diferentes marcos de relacións laborais e condenando a preto de 3000 traballadores á precariedade laboral sen expectativa de mellora. Estes traballadores son as brigadas de concellos, SEAGA e o reforzo do SPDCIF de alto risco de incendios. Sumado a isto a participación da esfera privada mediante a contratación de helicópteros, palas e bulldocers.


Ademais de todo isto, son causa dos incendios forestais a ausencia dunha política forestal que debería basearse na prevención e na ordenación do monte, así como, a falta de medidas contundentes por parte da Consellería do Medio Rural na investigación das causas dos incendios forestais con medios propios, xa que existen BIIFs da Xunta de Galicia (brigadas de investigación de incendios forestais).


NOTA: O VOCEIRO DESTE TEMA É JOSÉ CARLOS ROCHA ARRUE (FeSP-UGT). TELÉFONO: 629851751.​

Noticias Relacionadas
VolverVolver
AFILIADOS y AFILIADAS ACCEDER
BUSCAR
REDES SOCIALES
Logo

Unión Xeral de Traballadores. Miguel Ferro Caaveiro12; 15707 SANTIAGO. Telf.: 981. 577. 171 Fax: 981. 599. 438   |   UGT é membro da CES e da CSI

[Aviso Legal] [Versión Móvil].