Omitir los comandos de cinta
Saltar al contenido principal
Inicio
AL DÍA >
NOTICIAS
Aínda que a economía medra, Galicia segue sen recuperar emprego

Aínda que a economía medra, Galicia segue sen recuperar emprego

En relación ao comezo da crise, os valores do PIB remontan pero baixa a ocupación e aumenta o paro

UGT-Galicia | jueves, 30 de marzo de 2017

O PIB, en relación ao 2007, medra en máis de 1.600 millóns de euros, mentres que a ocupación baixa un 12 por cento e o paro sube en 107.800 persoas

Dende UGT-Galicia insístese en que non se poden seguir enviando mensaxes triunfalistas á sociedade referidas ao crecemento económico de Galicia cando se detecta que, se ben é certo que en termos macroeconómicos os datos son bos, tamén o é que esta mellora non está a chegar ás familias.

Esta realidade, que o Sindicato ven reiterando, respáldase non só nunha percepción do que acontece, senón en datos e estatísticas totalmente obxectivos e irrefutables. Tócalle á Administracións galega artellar todas as medidas necesarias para que a macroeconomía, que tanto publicita, e a economía dos fogares vaian dunha vez por todas da man. E que sexan os cidadáns os primeiros en percibir a saída da crise cunha diminución significativa do desemprego, e non con tímidas melloras estacionais manchadas ademais pola precariedade; unha mellora dos salarios que permita reactivar o consumo e, polo tanto, o mercado interno; e, en xeral, unha mellora da calidade de vida da cidadanía galega, o que leva consigo a recuperación dos dereitos perdidos durante a crise.

ALGO ESTÁ FALLANDO

O crecemento económico é evidente. Se no ano 2007, previo ao estalido da crise, o PIB xerado en Galicia cifrábase en 56.502 millóns de euros, no ano 2016 esta cifra ascendeu aos 58.113 millóns de euros. Isto supón un incremento de 1.611 millóns de euros. É evidente que o crecemento é significativo e que este debería ir acompañado dunha mellora tamén do emprego pero non está sendo así. Algo está fallando.

De feito, no período comprendido entre o IV trimestre de 2007, previo á crise, e o último dato publicado, IV trimestre de 2016, hai en Galicia unha perda de máis de 146.000 ocupados. Galicia está entre as comunidades autónomas que máis emprego perde nestes anos, tan só superada pola Comunidade estremeña e Valencia.

Se no cuarto trimestre de 2007 o número de ocupados en Galicia ascendía a 1.196.000 persoas, esta cifra baixa ás 1.049.600 persoas ocupadas no cuarto trimestre de 2016, o que supón unha perda de 146.400 ocupados, unha baixada dun 12,24 por cento.

Neste mesmo senso, resulta moi significativo que se a ocupación galega representa o 5,7 por cento do total do Estado, o emprego perdido entre 2007 e 2016 representa unha porcentaxe superior, o 6,6 por cento.

DENDE O 2007 AO 2016 O PESO DA REMUNERACIÓN DOS ASALARIADOS NO PIB BAIXA EN MÁIS DE TRES PUNTOS

Ao desagregar o PIB en termos de renda, obsérvase outra realidade certamente negativa para os traballadores asalariados galegos. Dende o cuarto trimestre de 2007 ata o terceiro trimestre de 2016 (último dato dispoñible) dáse unha perda de remuneración de asalariados ao pasar do 46,7 por cento ao 43,4 por cento.

Outra das variables que denota o estado real dos fogares galegos e que neste caso é moi negativa é a relativa ao desemprego. Se en Galicia no cuarto trimestre de 2007 o número de persoas paradas era de 96.400, esta cifra aumentou ata as 204.200 no cuarto trimestre de 2016. Unha diferenza de 107.800 persoas que supón un incremento dun 111,8 por cento.

O PARO DE LONGA DURACIÓN MEDRA DENDE O 2007 EN MÁIS DUN 300 POR CENTO E O DE MOI LONGA DURACIÓN EN MÁIS DUN 400 POR CENTO

Pero é que esta realidade é aínda máis insostible para os fogares galegos cando se fala do paro de longa duración ou moi longa duración. No primeiro caso, se no 2007 había 26.700 galegos que levaban un ano ou máis en situación de desemprego, esta cifra ascendeu a 118.900 no 2016, un incremento dun 345,3 por cento, 92.200 persoas máis.

Se se atende a aquelas persoas que levan no paro dous ou máis anos, a cifra absoluta no 2007 era de 16.000, subindo a 88.800 no 2016, un perigoso ascenso do 455 por cento, 72.800 persoas máis.

O DESEMPREGO EN GALICIA PARECE CONVERTERSE NUNHA SITUACIÓN ESTRUTURAL E IRRECUPERABLE, A PESAR DA MELLORA DAS ESTATÍSTICAS MACROECONÓMICAS

Son datos ofensivos para calquera sociedade que evidencian que o desemprego estase a converter nunha situación estrutural que parece irrecuperable a pesar da mellora das estatísticas macroeconómicas.

É aquí onde a Xunta ten que asumir xa a súa responsabilidade e poñer enriba da mesa todos os mecanismos necesarios para destruír dunha vez por todas o círculo vicioso do desemprego que se instaurou no mercado laboral galego. Hai que achegar aos fogares afectados, que están en serio risco de cruzar o limiar da pobreza e exclusión social, os instrumentos necesarios para paliar esta realidade e traballar para que o desemprego deixe de ser unha lacra da realidade sociolaboral galega.

De pouco serve que Galicia creza se este crecemento non vai acompañado da mellora da situación dos fogares galegos con máis e mellor emprego e con ingresos que garantan unha vida digna para a cidadanía que, de seguro, contribuirá ao consumo interno e, polo tanto, á mellora da economía.

Dende UGT-Galicia considérase que chegou a hora de que a mellora da situación económica sexa percibida pola cidadanía no seu día a día e son os gobernos, os encargados da redistribución xusta da riqueza, os que terán que asumir a súa responsabilidade nunha situación na que ao banco séguelle a faltar a pata máis importante, a de creación de emprego digno e a garantía de que o xa existente teña a calidade suficiente para asegurar unha vida digna para os traballadores.

NOVO MODELO DE CRECEMENTO EQUILIBRADO, SOSTIBLE E XERADOR DE EMPREGO DE CALIDADE

Neste contexto, dende UGT-Galicia reclámase un cambio das políticas económicas para consolidar un novo modelo de crecemento máis equilibrado e sostible, xerador de emprego de calidade, así como a diminución das desigualdades que, como mínimo, debería pasar por: unhas contas públicas ao servizo das persoas e apostar polo emprego de calidade cun cambio de políticas. Así, as políticas activas de emprego deben destinarse a elevar a empregabilidade das traballadoras e traballadores empregados e desempregados (formación, orientación, etc.) e non a bonificar a contratación das empresas.

A Xunta debe apostar xa dun xeito decidido por defender o sector industrial e incrementar o investimento en I+D+i en todas as actividades produtivas, incrementando o gasto público e creando unha estrutura de apoio estable á innovación. Urxe unha aposta clara pola revitalización industrial, o naval a industria electrointensiva e non deixando ó pairo dos mercados a sectores como o agrogandeiro e o pesqueiro. 

Noticias Relacionadas
VolverVolver
AFILIADOS y AFILIADAS ACCEDER
BUSCAR
REDES SOCIALES
Logo

Unión Xeral de Traballadores. Miguel Ferro Caaveiro12; 15707 SANTIAGO. Telf.: 981. 577. 171 Fax: 981. 599. 438   |   UGT é membro da CES e da CSI

[Aviso Legal] [Versión Móvil].