Omitir los comandos de cinta
Saltar al contenido principal
Inicio
AL DÍA >
NOTICIAS
UGT-Galicia esixe un Pacto de Estado contra a violencia de xénero acompañado dos recursos necesarios

UGT-Galicia esixe un Pacto de Estado contra a violencia de xénero acompañado dos recursos necesarios

As administracións locais deben recuperar e incrementar as súas competencias nesta materia e as subdelegacións do Goberno teñen que asumir un papel máis efectivo na coordinación

UGT-Galicia | jueves, 24 de noviembre de 2016

A secretaria de Igualdade, Xuventude e Movementos Sociais de UGT-Galicia, Mónica Rodríguez; a secretaria xeral da Federación galega de empregados e empregadas dos Servizos Públicos (FeSP-UGT), Delia Irene Martínez; e a secretaria de Igualdade desta Federación, Ángeles Villarnovo, ofreceron hoxe unha rolda de prensa en Santiago con motivo da conmemoración mañá do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.

Neste contexto, Mónica Rodríguez insistiu, un ano máis, en que a violencia que se exerce sobre as mulleres é unha realidade que é necesario mudar poñendo á súa disposición todos os recurso necesarios e actuando en todos os ámbitos que corresponde.

Porque os datos seguen aí e son inadmisibles. No ano 2015, un total de 60 mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas, das cales oito eran galegas, sendo así esta a terceira comunidade onde máis asasinatos desta índoles se produciron. No que vai de ano, con datos pechados a 18 de novembro, xa van 39 mulleres asasinadas, unha delas galega, e non se poden esquecer os 25 menores que, por mor desta violencia, quedaron orfos.

REDÚCESE O NÚMERO DE MULLERES ASASINADAS QUE TIÑAN INTERPOSTA DENUNCIA. ALGO ESTÁ A FALLAR

En canto ás denuncias, no 2015 en Galicia foron 5.210, das cales o 80 por cento corresponden ás provincias de A Coruña e Pontevedra. O que resulta moi preocupante, segundo afirmou Mónica Rodríguez, é o feito de que se reduce o número de mulleres asasinadas que tiñan interposto previamente unha denuncia. Mentres no ano 2014 o 32 por cento das mulleres asasinadas en España interpuxeran denuncia, no 2015 esta porcentaxe baixa aos 21,7 puntos. Para UGT, isto é un síntoma de que as mulleres non se senten o suficientemente protexidas cando interpoñen unha denuncia. Ademais, catro das vítimas tiña medidas de protección en vigor, é evidente que alto falla.

Se ben é certo que se incrementa en 15 puntos o número de ordes de protección solicitadas, tamén resulta alarmante que se incremente o número de ordes denegadas, pasando do 37 por cento no 2014 ao 41 por cento no 2015. Isto supón falta de prevención e indefensión das vítimas, unha responsabilidade que as administracións teñen que asumir xa.

SÓ O 33 POR CENTO DOS CASOS ACTIVOS EN GALICIA TIÑAN PROTECCIÓN OFICIAL

Para incidir nesta realidade, a responsable de Igualdade de UGT-Galicia precisou que só o 33,4 por cento dos casos activos en Galicia no ano 2015 tiñan protección oficial. Isto derívase en que son moitas as mulleres que están expostas a situacións insostibles, e non só elas, senón tamén os seus fillos.

Para UGT-Galicia, toda a sociedade, pero os primeiros os responsables das distintas administracións, deberían reflexionar sobre que fai que unha muller que sofre violencia de xénero interpoña ou non unha denuncia; e sobre se son suficientes as medidas que se adoptan cando unha muller leva a cabo a denuncia; e, por último, hai que reflexionar sobre a efectividade destas medidas.

Mónica Rodríguez tamén fixo unha avaliación de como a violencia de xénero se manifesta tamén no eido laboral, primeiro, cando as mulleres vítimas das agresións no ámbito privado son traballadoras, e, segundo, cando se producen situacións de acoso sexual ou acoso por razón de xénero no propio centro de traballo.

HAI QUE MELLORAR AS MEDIDAS LABORAIS QUE DEBERÍAN ACOMPAÑAR ÁS VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO. SON ESCASAS E SÓ AS CONDUCEN A UNHA MERMA DE INGRESOS

No primeiro dos casos, UGT-Galicia denuncia que os recortes vividos no últimos anos en materia de emprego agravan especialmente a situación destas mulleres que xa de por si é vulnerable.

UGT atopa unha gran eiva. A gran parte das medidas están destinadas ás reducións de de xornada ou excedencias, pero en ambos casos supoñen unha merma de ingresos cando o camiño a seguir debe ser o contrario, garantir a independencia económica das vítimas é prioritario para poder saír da situación na que se atopan.

Tamén se constata que cada vez se empregan menos as medidas destinadas á inserción laboral das afectadas. En 13 anos, dende o 2003 ata o 2015, só se rexistraron en Galicia 266 contratos bonificados, sendo nunha alta porcentaxe de carácter temporal, máis do 84 por cento. Para o Sindicato a loita contra a precariedade neste tipo de contratacións tamén debe ser fundamental. Mónica Rodríguez engadiu que en 11 anos en Galicia só se levaron a cabo 87 contratos de substitución.

Tamén se reduciron nun 60 por cento as certificacións acreditativas da condición de vítima de violencia de xénero para os efectos de incorporación ao programa de inserción laboral deste colectivo, pasando das 201 no 2014 ás 121 no 2015.

CANDO O ACOSO É NO TRABALLO

No relativo ao acoso sexual e o acoso por razón de xénero nos centros de traballo, destacar que o 95 por cento destas situacións as sofren as mulleres e o 5 por cento restante trátase de homes acosados na súa maioría por parte doutros homes.

Aínda que as empresas están obrigadas a promover condicións de traballo que eviten estas situacións e arbitrar protocolos específicos, isto non se cumpre. UGT-Galicia reclama un rexistro destes protocolos, que non existe. A responsable de Igualdade engadiu que o informe "A violencia e o acoso laboral en Europa", da Fundación Eurofound, constata que o acoso laboral incrementouse nun 43 por cento nos dous últimos anos, sendo o sector servizos o máis afectado.

A realidade é que as denuncias contra este tipo de actos de violencia son moi escasas porque as vítimas temen polos seus postos de traballo.

FRONTE A ESTA LACRA, A XUNTA PRESUPOSTA NO EIDO DA VIOLENCIA DE XÉNERO UN 16,4 POR CENTO MENOS QUE NO 2010

Fronte a todo isto, os orzamentos en materia de igualdade e violencia de xénero seguen sendo escasos, un 16,4 por cento inferiores aos dispoñible no ano 2010. Urxe, ante a realidade dos feitos, que se incrementen as achegas neste eido xa. O 0,1 por cento do total dispoñible amosa falta de compromiso neste materia. A crise non pode ser escusa para deixar desamparadas ás vítimas, as mulleres e os seus fillos.

PROPOSTAS DE UGT

Ante esta realidade, UGT ten unha serie de propostas que pasan por un Pacto de Estado contra a violencia de xénero dotado dos orzamentos suficientes. No eido do emprego son necesarias políticas activas eficaces e empregos de calidade.

É imprescindible unha mellora dos dereitos laborais para as vítimas e o recoñecemento de dereitos para as vítimas de acoso sexual no traballo de dereitos similares aos das afectadas pola violencia no eido privado.

UGT tamén demanda un permiso ou licenza retribuída por un período non inferior a dous meses, similar ao que teñen as empregadas públicas vítimas de violencia de xénero. As ausencias ou baixas médicas derivadas da súa situación tampouco deben supoñer un prexuízo no eido laboral.

Para finalizar, Mónica Rodríguez explicou que estase a levar a cabo unha campaña a nivel de todo o Estado, por parte de UGT, "#niunamenos". E engadiu que mañá, en todas a sedes de UGT terán lugar ás 12.00 concentracións de repulsa por esta lacra.

OS RECORTES FREARON O DESENVOLVEMENTO DA LEI DE PROTECCIÓN INTEGRAL

De seguido, Irene Martínez, indicou que todas as administracións e institucións públicas teñen un grao de responsabilidade á hora de denunciar, previr e condenar as condutas agresivas e discriminatorias cara ás mulleres. Xunto a estas administracións, as súas empregadas e empregados públicos, especialmente a Policía Local, xogan un papel fundamental na consecución de facer máis efectiva a protección das mulleres vítimas de violencia de xénero (art. 31 da Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero).

Sen dúbida os recortes frearon o desenvolvemento da Lei e denunciou que asistimos ao desmantelamento de gran parte das oficinas de atención ás vítimas, paralizouse a creación de xulgados especializados e a cobertura de prazas funcionariais vacantes.

Ante isto, é necesario tomar medidas urxentes que requiren de medios e recursos en todos os niveis, xulgados, a policía, os servizos sociais, a sanidade ou a educación, hai que contemplar a dotación de profesionais e recursos necesarios para a efectiva aplicación da Lei Integral contra a violencia de xénero en todos e cada un dos ámbitos das diferentes administracións públicas.

URXEN RECURSOS NO EIDO DAS ADMINISTRACIÓNS E MAIOR COORDINACIÓN

Precísase garantía orzamentaria das políticas de protección contra a violencia de xénero, recuperando o 26% do orzamento destinado ás políticas de tratamento integral de violencia de xénero e o 75% a políticas de Igualdade.

Ademais, todas as administracións públicas deben reforzar as políticas de sensibilización no marco educativo, xurídico, sanitario, social e cultural que impliquen tanto a profesionais como á cidadanía en xeral, e aplicar programas interdisciplinares de atención integral cara ás mulleres que sufrisen violencia de xénero e ás súas fillas e fillos, co fin de proporcionarlles recursos adecuados tanto económicos, educativos, sociais, psicolóxicos e laborais que logren a súa recuperación vital e autonomía persoal.

Ademais, é fundamental a adopción de medidas de coordinación institucional e recuperación competencial a favor das entidades locais, implicando ás unidades de igualdade de todas as subdelegacións de Goberno na coordinación de policías, xuíces, fiscais, a avogacía de oficio, así como, ao persoal sanitario, en xulgados, policía (estatal, autonómico e local), servizos sociais e oficinas de atención ás vítimas. Precísase dun gran compromiso de coordinación, para crear unha rede eficaz. ​

A EDUCACIÓN É A VACINA CONTRA A VIOLENCIA SOBRE AS MULLERES

Engadiu que a educación é a vacina contra a violencia, e por iso en todos os niveis educativos deberán de desenvolverse protocolos coordinados de actuación ante situacións de violencia de xénero entre iguais ou no marco familiar, formando aos equipos psicopedagóxicos sobre as situacións de violencia de xénero.

Precisamente, en materia educativa, urxe a derrogación da LOMCE e apostar por un modelo educativo que recupere a educación afectivo sexual e a educación en igualdade en todos os niveis de ensinanza obrigatoria e a formación inicial e continua do profesorado.

Xa, para rematar, a responsable de Igualdade da FeSP-Galicia, explicou a campaña que esta federación está a desenvolver en todo o Estado e que se compón dos seguintes elementos:

-RevistaLaKarishina nº2

http://www.fespugt.es/images/pdfs/karishinados.pdf


 

-Video25N"Nos va la vida en ello" Canal youtube FeSP UGT

https://www.youtube.com/watch?v=lUc1Vx34Ntk


 

-Información na web FeSP UGT

http://www.fespugt.es/images/pdfs/vg.pdf


 

-Video-Documental "Querernos Bien" ENSEÑANZA

https://www.youtube.com/watch?v=LcnCtAqth6s


 

-Materiais Educando en Igualdad ENSEÑANZA

http://www.educandoenigualdad.com/2015/10/25/campana-no-a-la-violencia-degenero/


 

-10Medidas antela Violencia de Género

https://drive.google.com/file/d/0B9mPIAXiUoKhekp4WG5JWThwTkk/view?usp=sha

ring

Noticias Relacionadas
VolverVolver
AFILIADOS y AFILIADAS ACCEDER
BUSCAR
REDES SOCIALES
Logo

Unión Xeral de Traballadores. Miguel Ferro Caaveiro12; 15707 SANTIAGO. Telf.: 981. 577. 171 Fax: 981. 599. 438   |   UGT é membro da CES e da CSI

[Aviso Legal] [Versión Móvil].