Omitir los comandos de cinta
Saltar al contenido principal
Inicio
AL DÍA >
NOTICIAS
O sector de ensino de FeSP-UGT Galicia afirma que a implantación completa da LOMCE so aporta incerteza

O sector de ensino de FeSP-UGT Galicia afirma que a implantación completa da LOMCE so aporta incerteza

A oposición á LOMCE é as súas reválidas segue a ser o cabalo de batalla

FeSP-UGT Galicia | jueves, 8 de septiembre de 2016

O Sector de Ensino de FeSP-UGT Galicia fixo unha valoración do curso escolar 2016/17 no que se realizará unha implantación completa da LOMCE na etapa da ESO e do Bacharelato “o cal crea incerteza nas familias, no alumnado e no profesorado no tocante sobre todo, ás reválidas e a posta en marcha da orde de avaliación na etapa de Primaria que evidencia a mentira do noso goberno de que as reválidas de terceiro e sexto curso non son vinculantes, pois poden facer que o noso alumnado non promocione curso”. Así o explicou Gerardo Morano Díaz, secretario do Sector de Ensino FeSP-UGT, que tampouco entende como segue adiante a LOMCE cando o mesmo PP amosou a súa disposición a modificala, segundo o acordo adoptado con C’s e Coalición Canaria.

Gerardo Morano destacou que á oposición á LOMCE é as súas reválidas segue a ser o cabalo de batalla. FeSP-UGT Galicia recorda que o goberno está deslixitimado para seguir adiante,  “tendo en conta que o 80’7% do profesorado rexeita as reválidas e hai 13 autonomías en contra. Ademais, á incerteza “administrativa” cómpre sumar a incerteza política: “O propio PP negociou coas reválidas para chegar ao acordo con C’s e Coalición Canaria, polo que parece disposto a modificalas ou suprimilas. E se é o PSOE quen goberna derrogarase a LOMCE e con ela as reválidas”. 

A responsable do Ensino Público, Paula Carreiro, destacou que o comezo do curso está marcado pola falta de información por parte de administración das novas normas a aplicar. Así, nestes intres “non sabemos como será a proba que substitúe á selectividade, polo que resulta complicado para o profesorado facer a programación sen saber nin as datas nin en que consistirá a nova proba”. O único que parece seguro é que será sobre os dous cursos de bacharelato.

Carreiro explicou que “un ano máis a educación pública sofre recortes no ámbito da atención ó alumnado con necesidades educativas especiais, devaluando os servizos de Orientación na etapa de Primaria ao obrigar aos xefes dos departamentos de Orientación itinerar cada vez con máis centros educativos e marcando a tendencia de perfís de prazas itinerantes e afíns, sobre todo nas especialidades de PT e AL”.

Asemesmo, a responsable da Público recordou que no rural é onde hai máis recortes “co peche de unidades nos centros rurais e  escolas unitarias, obrigando a alumnado de curta idade a viaxar máis para ir ó centro educativo ou a unir cursos, o que ocasiona unha merma da calidade do ensino”.

Pola súa banda, o representante do ensino privado, Manuel Alonso, falou da perda de poder adquisitivo dos traballadores, así coma da perda de emprego. “No ensino concertado levamos nos últimos anos unha perda de poder adquisitivo do 12%. O recorte do 2012 (para a concertada foi un 4,5% desde o mes de xaneiro, non unha extra) séguese a manter no 2016”. Pero o principal problema do ensino concertado é “a supresión de unidades que van deixando unha morea de compañeiras e compañeiros sen traballo ou cunhas xornadas moi reducidas. Segundo os nosos cálculos, sobre uns 150 traballadores están nesas circunstancias”. Ata o ano 2009 había un acordo de mantemento de emprego para os profesores que perdía o seu traballo por esta situación, e FeSP-UGT Galicia esixe que se negocie un novo acordo, fundamental “coas previsións de peche de centros que pode facerse efectiva no curso 2017/18 (San Fco Javier de Santiago, Cardenal Cisneros de Ourense)”. 

Rematou Alonso referíndose a situación no ensino privado sen concertar (colexios, academias, escolas infantís, etc) onde “a precariedade laboral é asfixiante: contratos moi reducidos en horario, contratos por días, fixos descontinuos, salarios de miseria...Segundo os nosos datos máis dun 75% dos traballadores atópanse, como mínimo, nun destes supostos”. 

O responsable do sector da Universidade, Benjamín Rey, falou da falta de financiamento e do incremento da privatización dos ensinos universitarios: “A falta de financiamento e a imposición dunha taxa de reposición moi deficiente provocan que nalgunhas titulacións cun gran número de alumnado o profesorado sexa escaso. Desde hai xa varios anos a Xunta non inviste na renovación do profesorado, cunhas consecuencias nefastas, xa que, entre outras cousas, en determinadas titulacións non se poderá impartir toda a docencia asignada (especialmente nos másteres). Ao mesmo tempo, a aplicación do decreto Wert implica que algúns profesores teñan que impartir ata sete ou oito materias nun mesmo curso, co conseguinte menoscabo da calidade docente. Estes feitos obrigarán a que as familias deban facer desembolsos importantes para que os seus fillos e fillas completen a súa formación en universidades privadas”.

Doutra banda, a privatización dos ensinos universitarios está crecendo de forma exponencial na nosa comunidade, sobre todo das que non requiren grandes medios, sendo a Xunta de Galicia a primeira defensora destas empresas que entran en competencia coas universidades públicas, cada vez máis desatendidas.

 

Noticias Relacionadas
VolverVolver
AFILIADOS y AFILIADAS ACCEDER
BUSCAR
REDES SOCIALES
Logo

Unión Xeral de Traballadores. Miguel Ferro Caaveiro12; 15707 SANTIAGO. Telf.: 981. 577. 171 Fax: 981. 599. 438   |   UGT é membro da CES e da CSI

[Aviso Legal] [Versión Móvil].